Cultura

A Xunta fomenta aulas de baile que manteñen estereotipos de xénero

As aulas virtuais de baile que ofrece actualmente Galicia Aberta, plataforma impulsada pola Secretaría Xeral de Emigración da Xunta da Galiza, transmiten unha visión sexista do baile tradicional, segundo denuncia Andar cos Tempos.
O mestre explica como colocan as mulleres deben colocar os brazos en xarra.
photo_camera O mestre explica como colocan as mulleres deben colocar os brazos en xarra (Galicia Aberta).

O colectivo Andar cos Tempos vén de denunciar publicamente a través das súas redes sociais que as aulas virtuais de baile que ofrece actualmente Galicia Aberta, plataforma impulsada pola Secretaría Xeral de Emigración da Xunta da Galiza, transmiten unha visión do baile tradicional galego sexista e baseada na fotografía folclórica que non responde ao verdadeiro sentido deste patrimonio inmaterial.

A coreografía que se ensina é herdeira de "maneiras de reproducirse propias da Sección Feminina e desde un gran descoñecemento do baile tradicional que as nosas persoas vellas nos legaron

"Parécenos irresponsábel e incongruente coas decisións que a propia Consellaría de Cultura tomou en relación co proceso de declaración BIC do baile, que se fomenten e financien aulas onde o baile tenta ser reproducido como unha mera coreografía”, sinalan. Con isto último fan referencia á decisión que a Administración daba a coñecer en marzo de reformular a súa proposta de declaración do baile como Ben de Interese Cultural (BIC), de acordo ás reclamacións da propia comunidade portadora, que instaban a consideralo, para alén de como indivisíbel da música, un elemento de carácter vivo, espontáneo e vertebrador comunitario.

Porén, esta non é para Andar cos Tempos a imaxe que está a transmitir a Xunta a través da iniciativa Galicia Aberta, artellada como unha web para a aprendizaxe virtual da música e do baile tradicionais especialmente dirixida á diáspora galega. A coreografía que se ensina é herdeira de "maneiras de reproducirse propias da Sección Feminina e desde un gran descoñecemento do baile tradicional que as nosas persoas vellas nos legaron", explican. Por iso, consideran “totalmente inaceptábel que se destinen esforzos públicos a fomentar aulas con estereotipos de xénero, cando a comunidade está a traballar para erradicalos do baile tradicional e da vida en xeral".

Apuntan a respecto disto que na primeira aula detectaron cuestións que teñen que ver coa colocación do corpo ao bailar, nas que se definen "posturas delicadas para as mulleres", que inclúen pór os brazos en xerra na cintura, levalos máis baixos ou exemplos para a súa posición en relación coa crianza. Fronte a isto, defínense para o home "posturas de forza" co peito ergueito e os brazos máis altos, co que entenden que se fomentan "estereotipos sexistas de delicadeza asociada á feminidade" mentres  o empoderamento se liga á masculinidade". Se ben desde Andar co Tempos consideran "bo e necesario que as institucións apoien e divulguen o baile tradicional", chaman a reflexionar sobre que formas e como se transmiten.

Comentarios