A Xunta gasta máis de millón e medio nunha exposición para festexar a “austeridade” de San Francisco

On the road é o título da exposición comisariada por Gloria Moure e producida polo departamento de Turismo para conmemorar os 800 anos da peregrinaxe de San Francisco a Compostela. Só as partidas de produción publicadas no diario oficial ascenden a 800.000 euros, aos que hai que sumar outras non publicadas e a reforma do Pazo Arcebispal para albergar a mostra que superou os 600.000 orzamentados. 

Xunta
photo_camera Xunta

A mostra On the road supón o regreso de Gloria Moure a Galiza, a que fora directora do Centro Galego de Arte Contemporánea despois do breve paso de Antón Pulido. A xestora de arte volve, como en tempos da consellería de Pérez Varela, cun grande proxecto expositivo, un dos de maior dimensión orzamentaria mais, desta volta, á marxe do centro de arte que ela dirixiu e tamén da Cidade da Cultura onde recalaron nos últimos anos as mostras de maiores dimensións. No entanto,, On the road coincide con unhas e outras en estar promovida desde o departamento de Turismo, como en tempos do Xacobeo, e ao igual que as grandes producións do Gaiás. 

On the road é un dos eixos centrais cos que a Xunta quere conmemorar os 800 anos da chegada de San Francisco a Compostela, mais os números que a propia Axencia de Turismo fan público distan moito da rigorosa austeridade que predicaba o monxe. Só os concursos que o departamento dirixido por Nava Castro publicou no DOG ascenden a 800.000 euros e neles non aparecen conceptos como o propio logotipo da conmemoración, que a Xunta encargou ao artista Antón Lamazares, un dos protagonistas da mostra e coñecido pola súa defensa do “franciscanismo” na arte, desde o uso do cartón ás pinturas titanlux. 

Só na produción do catálogo, a Xunta inviste 56.750,00 euros, sen contar o IVE nun concurso que se adxudicou a Edicións Polígrafa, o selo da propia Gloria Moure que inclúe o libro no seu catálogo editorial. Chama tamén a atención que na ficha da edición non aparece en ningún momento que se trata dunha produción pagada pola Xunta de Galicia e todo fai indicar que é unha edición do propio catálogo de Polígrafa. O propio Antón Lamazares, o artista galego que máis se acopla á filosofía franciscana -el mesmo foi seminarista no convento de Herbón, dato que cita habitualmente- e que ocupa un lugar destacado na mostra, desaparece na ficha editorial preparada pola empresa de Moure. Na web de Polígrafa o prezo de venda do catálogo é de 39 euros e só aparece o ISBN de edicións en castelán e inglés. 

Só na produción do catálogo, a Xunta inviste 56.750,00 euros, sen contar o IVE nun concurso que se adxudicou a Edicións Polígrafa, o selo da propia Gloria Moure

Non é esta a única partida destinada á coidadora da exposición. O DOG publica tamén outra destinada á “elaboración do catálogo” polo que se adxudican á propia Gloria Moure 21.966, 94 euros. 

En transporte de obras e seguro cravo a cravo Turismo inviste, 149.917, 77 euros e na montaxe 133.700, ambas sen o imposto do valor engadido que é un 21% para estes conceptos. Para atención, sustento e desprazamento dos correos, propietarios de obra e artistas reservan 131.267,06 euros e 291.317,18 teñen como obxecto a vixilancia e atención ao público. O DOG non recolle, entre outras, as partidas destinadas á produción de obra exclusiva ou, pomos por caso, para a actuación no cemiterio de Bonaval onde se pintaron os nichos nunha instalación artística temporal. 

Volver á opulencia de cando a crise non existía

Para On the Road acondicionouse o Pazo de Xelmirez con máis dos 600.000 euros orzamentados co obxectivo de acoller a exposición de 44 obras que trouxo de novo a Compostela algúns dos nomes da arte contemporánea que tiñan protagonizado sonadas exposicións individuais do CGAC no tempo de Gloria Moure. Nomes como Marcel Broodthaers, Christian Boltanski, Giuseppe Penone,  Féliz González-Torres, Kounellis, Giovanni Anselmo ou Joseph Beuys evocan aínda os tempos no que o CGAC era un centro privilexiado nos orzamentos da Consellería de Cultura. Na historia do CGAC queda memoria da destitución de Gloria Moure por parte do PP coa acusación do exceso de gastos e tamén a defensa de artistas que mostraban a oposición ao cese da directora que asinou as exposicións de maiores orzamentos do centro.

Comentarios