A Xunta falla os seus Premios de Cultura que engaden a categoría de Lingua

Un xurado presidido polo propio conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez fallou na Cidade da Cultura os premios oficiais da Xunta de Galicia. Luz Pozo, a Fundación Granell, A Asociación Cultural Abrente-Mostra Internacional e Teatro de Ribadavia, o Castro de Viladonga, o Colexio Santiago Apóstol, Juan Durán, Bambú Producciones e a Asociación PuntoGal son os galardoados. 

Xurado dos Premios da Cultura
photo_camera Xurado dos Premios da Cultura

Perderon a condición de “nacionais” que tiñan na súa orixe e tamén a dotación económica pero a Xunta non deixou de convocar os Premios da Cultura Galega que onte se fallaron cun xurado presidido polo propio Xesús Vázquez na Cidade da Cultura. Desta volta, os premios oficiais da Xunta recoñecen a  Luz Pozo Garza na categoría de Letras; a Fundación Granell na de Artes Plásticas; a Asociación Abrente-Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia nas Artes Escénicas; o Castro de Viladonga en Patrimonio Cultural; o Colexio Santiago Apóstolo de Bos Aires en Proxección Exterior; Juan Durán en Música; Bambú Producciones na modalidade Audiovisual e a Asociación PuntoGal para a nova categoría de Lingua. 

Unha serigrafía do pintor “Alexandro” será o recordo que cada persoa ou entidade premiada reciba no acto de entrega dos galardóns.  O xurado, ademais do conselleiro, estivo composto polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; Francisco Díaz- Fierros Viqueira e Ramón Durán Villa en representación do presidente do Consello da Cultura Galega e do reitor da Universidade de Santiago de Compostela. Pola Real Academia Galega participou Henrique Monteagudo e pola de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, Ramón Yzquierdo Perrín. A Consellaría completou o xurado con persoas “de prestixio no ámbito cultural”, apartado no que foron convocados o profesor e membro da RAE, Darío Villanueva, a crítica de arte, Fátima Otero, a profesora da Universidade de Vigo, Victoria Carballo-Calero e o actor Antonio Mourelo.

Comentarios