A Xunta entrega os Premios da Cultura nun contexto de dificultades para o sector

A Cidade da Cultura acolleu na tarde da quinta feira o acto de entrega dos Premios da Cultura, que este ano recaeron en Ledicia Costas, Xurxo Lobato, A Central Folque, Xosé González, Manuel Puga, Consuelo Pampillón, Ildiko Szijj e Chema Prado.

premioscul
photo_camera Feixoo presidiu o acto de entrega dos premios (Imaxe: Xunta da Galiza).

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, foi o encargado de abrir o acto de entrega dos Premios da Cultura Galega 2020, un evento ao que asistiron, entre outros, o presidente da Xunta Galiza, Alberto Núñez Feixoo, e o do Parlamento da Galiza, Miguel Santalices.

Ledicia Costas

Na modalidade de Letras, o premio foi para a escritora Ledicia Costas, que reivindicou no seu discurso a literatura para as crianzas: "A literatura infantil e xuvenil non crea lectorado para o futuro, son lectores hoxe e teñen dereito a unha literatura de calidade, porque son esixentes e son inconformistas", resolveu.

Xosé González

Así mesmo, na modalidade de Lingua, recibiu a distinción Xosé González Martínez, creador do primeiro servizo de normalización lingüística da Galiza e peza chave na galeguización da xustiza, que avogou por seguir traballando "no descofinamento da lingua galega".

Consuelo Pampillón

Consuelo Pampillón, da Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea) recolleu o premio na modalidade de Artes Escénicas e reivindicou a formación e a creación de público como ferramentas clave do teatro amador galego.

Chema Prado

Chema Prado foi o galardoado no ámbito Audiovisual e fechou a súa intervención cunha " súplica" ao presidente galego: "coide e potencie coas dotacións necesarias a súa filmoteca, o CGAI".

A Central Folque

No apartado de Música, o premio foi para o colectivo pioneiro no ensino de música galega A Central Folque. O seu director artístico, Ramón Piñeiro, foi o encargado de recoller o galardón e quixo dar visibilidade ás dificultades que está a pasar non só o sector cultural, senón o ensino de música, as salas de concertos, os técnicos e especialistas na materia ou o sector de eventos. "Talento non nos falta, reforcemos o resto para que sexa apreciado e recoñecido por todos", resolveu.

Ildiko Szijj

En Proxección Exterior, a premiada nesta ocasión foi Ildiko Szijj, responsábel do Centro de Estudos Galegos de Budapest, en Hungría, que agradeceu a través dunha carta o recoñecemento.

Xurxo Lobato

O fotógrafo Xurxo Lobato recibiu, pola súa banda, o premio na categoría de Artes Plásticas e fixo fincapé na "función social da arte" e na capacidade da fotografía de "deter o tempo" e converterse nunha testemuña "documental" dun momento pasado.

Manuel Puga

Finalmente, o presidente da Fundación Penzol, Manuel Puga, recolleu o premio no ámbito de Patrimonio Cultural, un recoñecemento que, dixo, dálle "máis ánimos" e "compromiso" co obxectivo de divulgar e poñer en valor o patrimonio cultural, xa que "ninguén ama o que descoñece".

Feixoo apela á "resistencia da cultura"

No seu discurso, Feixoo destacou a "resistencia" do sector da cultura e dos creadores galegos -un ámbito que amosou as súas críticas nos últimos meses debido á falta de axudas para atallar a crise- "nestes tempos tan amargos" e apostou por dirixirse cara a un "novo Rexurdimento" no que a cultura "siga sendo a forza motriz".

Do galardoado Xurxo Lobato, destacou que ten captado os instantes solemnes e prosaicos de galegas e galegos que, grazas a el, gozan xa de inmortalidade; “e mediante o talento literario de Ledicia Costas, Galiza non é un feito estraño para un lector italiano, coreano, búlgaro, romanés ou iraniano. Estamos a falar dunha autora versátil, sen límites xeracionais nin temáticos, á que lle debemos, sobre todo, o achegamento da nosa lingua aos máis novos”.

No tocante ao teatro, recoñeceu que os actores que compoñen a Federación de Teatro Afeccionado da Galiza e a plataforma Platta teñen a sorte de comprobar que as artes escénicas seguen a suscitar as mesmas emocións en públicos diferentes. “E sen a actividade comprometida da Asociación de Mulleres de Moaña, Atrezo, Aurín, Ditea, Escoitade, Metátese e O Trasno, estou seguro de que moitos galegos sentiríanse orfos sen ninguén no escenario”, engadiu.

En relación á Central Folque, gabou a súa traxectoria dedicada ao ensino de diferentes instrumentos non estudados habitualmente, da historia da música galega, da etnomusicoloxía e do patrimonio musical; ademais dunha abondosa produción editorial que rescata tesouros esquecidos. E, sobre Chema Prado, director da Filmoteca Española entre 1989 e 2016, recordou que, en todas as súas responsabilidades e relacións, exerceu de embaixador plenipotenciario de todo o galego.

Do premiado Xosé González Martínez lembrou que a primeira sentenza en lingua galega ditada polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza en 1985 ten nel un dos seus grandes artífices; “e a el se debe igualmente o primeiro servizo de normalización lingüística. “Representa o anhelo compartido da plena normalización do noso idioma en todos os eidos e sectores”, aseverou.

Durante o acto, o presidente da Xunta afirmou que se nesta “nova Xeración Nós do século XXI” hai un "directo continuador do espírito da Xeración Nós orixinal, hai que referirse á Fundación Penzol, cun inxente fondo bibliográfico e documental centrado na realidade histórica e cultural da Galiza".

Por último, Feixoo referiuse ao "amor por Galiza" da responsábel do Centro de Estudos Galegos de Budapest, Ildiko Szijj, como unha proba de que aquí se xeran valores que teñen un eco universal.

Comentarios