Denuncia o grupo de En Marea

“A Xunta emprega o voluntariado para favorecer o lucro privado” nos festivais de música

O programa SON Voluntario, estabelecido pola Dirección Xeral de Xuventude en colaboración coa Asociación Empresarial de Festivais de Galiza, é, para o grupo parlamentario de En Marea, “unha práctica encuberta para aforrar custos de persoal”. Denunciouno esta cuarta feira a deputada Paula Quinteiro.
o son do camiño imaxe xunta
photo_camera O conselleiro de Cultura Román Rodríguez (esquerda) e a directora xeral de Turismo Nava Castro nun acto de presentación do festival O Son do Camiño. Foto: Xunta.

Quinteiro xa rexistrou varias preguntas parlamentarias ao respecto. SON Voluntario “é unha práctica perversa amparada por unha administración pública que emprega o voluntariado para favorecer o lucro privado”. A cambio, dá unha entrada para o festival en cuestión e un certificado de “experiencias voluntarias”.

O grupo de En Marea quere saber ademais “cantos postos de traballo se están perdendo con esta proposta de voluntariado que non contempla a realización de ningún labor altruísta e que nin sequera cobre os gastos de aloxamento e transporte”. O último festival en sumarse ao programa da Xunta foi o da Luz, en Boimorto do 6 ao 8 de setembro. O Goberno galego abriu esta terza feira, 27 de agosto, unha convocatoria de 20 prazas voluntarias.

“Dado que a Xunta colabora con estas prácticas debe cando menos estabelecer algún tipo de inspección e elaborar un informe de cada un dos festivais que se acolleu este verán ao programa”, conclúe En Marea, “para coñecer que tipo de traballo asumiu no evento o persoal voluntario e se foi empregado para substituír postos de traballo remunerados”.

Comentarios