domingo 25/10/20

A Xunta deixa fóra das axudas a festivais a Cans, Cineuropa e Curtocircuíto, entre outros

Seguen os problemas administrativos en AGADIC. Despois do acontecido co CDG, o Festival de Cans vén de denunciar que ficou sen axudas deste organismo da Xunta, ao igual que outros catro festivais: Curtocircuíto e Cineuropa de Compostela, Freakemacine da Coruña e Primavera do Cine de Vigo. 

cans
Coloquio na Leira con Dani de la Torre e Emma Lustres, xunto con Alfonso Pato [Foto: Noel Queipo]

O Festival de Cans, un dos máis populares en Galiza quedará este ano por vez primeira nos seus catorce anos de historia fóra das axudas que outorga a Xunta. Segundo eles,  AGADIC comunicoulles “verbalmente” que o motivo foi un “defecto de forma” na entrega da documentación, o mesmo que aos outros catro festivais implicados. 

Desde a dirección do Festival de Cans xa están a explorar accións legais co seu avogado. Segundo o seu director, Alfonso Pato, "veremos se as accións son conxuntas cos outros festivais ou non, pero non descartamos impugnar as axudas. Hai indicios suficientes para o facer".

A cantidade solicitada supón un 25% do orzamento total dun festival de cinema que é financiado nun 40% con cartos públicos e con outro 60% con achegas privadas e fondos propios

A cantidade que solicitaba este evento,  29.000 euros, supón un 25% do orzamento total dun festival de cinema que é financiado nun 40% con cartos públicos e con outro 60% con achegas privadas e fondos propios procedentes da venda de entradas, xestión de bares e merchandising. "O que si é importante", sinala Pato, "é que estas axudas tiñan un anticipo do 80% que nos permitía comezar a traballar, e agora non temos ese diñeiro. Para nós esa cantidade é a vida". 

Agora mesmo xa dan por perdida esa achega: "Estamos intentando recompoñer o festival doutro xeito", afirma, "pero é unha mágoa. Son unhas axudas esixentes que nos levou dous meses preparar e todo ese traballo agora marchou para o lixo". 

Cal é o problema?

Segundo Cans, trátase da primeira vez na historia das axudas da AGADIC que se dá esta situación "insólita", que vén propiciada por problemas no acceso á sede electrónica da Xunta de Galicia. Era a primeira vez que estas axudas tiñan como requisito obrigatorio seren presentadas por esta vía, sendo tamén as primeiras axudas do ano que debían ser presentadas por este sistema, pero malia todo, -sempre segundo a versión do festival do Porriño- a AGADIC non estableceu ningún medio de asistencia nesta situación excepcional.

"Cando viron que había ese problema puideron frear, pero non, fixeron unha fuxida cara adiante e agora o barco está nas pedras", quéixase Pato. "Pecaron de indolencia, de non darlle importancia. E somos un festival con relevancia simbólica e emocional. Pero para eles somos un papel burocrático". E avisa de que isto mesmo está a acontecer tamén con outras axudas noutros ámbitos: "A gravidade do problema está por ver. Recibimos chamadas de asociacións, partidos políticos, avogados, etc. Estamos desboradados co impacto que tivo este tema".

"Cando viron que había ese problema puideron frear, pero non, fixeron unha fuxida cara adiante e agora o barco está nas pedras", quéixase Pato

Todos os festivais que quixeron entregar os seus papeis nos últimos días tiveron problemas co rexistro electrónico, polo que a maioría decidiron enviar a documentación necesaria por correo certificado dentro do prazo requerido, pero desde a AGADIC decidiron deixalos fóra da comisión de avaliación, segundo o Festival de Cans. A partir desta situación,  só catro festivais foron aceptados para avaliar na comisión de proxectos. Unha vez repartido todo o que correspondía entre estes catro festivais, deuse unha situación curiosa xa que sobraron 30.000 euros.

Dáse a circunstancia de que a Coordinadora de festivais se reunira hai tres meses coa Xunta solicitando un aumento dunha cantidade global que se considera insuficiente, e moi inferior á otorgada aos festivais de música e de artes escénicas. E conseguiuse un pequeno aumento de 10.000 euros.

E, como consecuencia de quedaren fóra estes cinco festivais, o resto tiveron incrementos  nas cantidades otorgadas. Así ao Play-Doc fóronlle concedidos  32.400 euros, 8.000 euros máis que o pasado ano, ao festival de Cinema Periférico 24.161 euros, o que supón 6.000 euros máis que o pasado ano e ao FIC Bueu 22.000 euros, o que supón unha cantidade de 10.000 euros máis que as últimas axudas.

comentarios