luns 20.01.2020
NON é CULTURA, é TURISMO, ARGUMENTA O CONSELLEIRO

A Xunta agarda polo "retorno" dos 300.000 euros gastados no vídeo de Enrique Iglesias

Ao tempo que as críticas arrecian, o Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, pide calma para agardar o "retorno" en promoción turística dos máis de 300.000 euros que a Xunta investiu no videoclip de Enrique Iglesias. 

Enrique Iglesias
Enrique Iglesias

O vídeo de Enrique Iglesias non é cultura senón turismo e hai que agardar o retorno para os máis de 300.000 euros investidos pola Xunta. Con eses dous argumentos o novo Conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, respondeu no Parlamento á crítica de Ana Pontón por agasallar ao cantante con cartos publicos cando reducen o apoio aos sectores creativos do país.  

"Que siga a festa noite e día..que pagan os galegos e galegas”, espetoulle a deputada do BNG, Ana Pontón no Parlamento ao novo Conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez. Coñecedor das bancadas do Hórreo, mais desde as fileiras de atrás, a estrea de Rodríguez nos asentos azuis foi para xustificar unha decisión do seu antecesor nunha actuación sobre a que arrecian as críticas. Nada que obxectar aos máis de 300.000 euros investidos pola Xunta no polémico videoclip de Enrique Iglesias, en todo caso, convidou á deputada a agardar “o retorno”, os seus efectos na promoción turística de Galiza. 

Outros dos eixo da defensa de Román Rodríguez dunha das máis cuestionadas actuacións da Xunta en materia cultural consistiu en negar a maior. “O vídeo de Enrique Iglesias non é cultura”, dixo o conselleiro que situou a produción no ámbito da promoción turística co cal, as comparanzas que Pontón lle subministrou de redución dos cartos públicos destinados á promoción e creación cultural non entraban no mesmo rexistro. 

"Compartimos a indignación de miles de [email protected] polos 300.000 do vídeo de Enrique Iglesias", dixo Ana Pontón ao tempo que lembraba que as políticas de cultura tiveron un recorte dun 60% no goberno de Feijóo. Román Rodríguez tirou de novas convocatorias e ordes de apoio aos distintos sectores culturais para defender a política cultural da Xunta, alén de reclamar paciencia para agardar os resultados do vídeo de Enrique Iglesias no que,  por outra parte, non hai nin un só plano que a Xunta poda capturar do cantante cun escenario de exteriores galego. "Que siga a festa noite e día..que pagan os galegos e galegas", dixo entón a deputada, á vista de que a Xunta non cambalea na súa decisión, mesmo despois de que a pasada semana o vídeo se filtrara e as críticas choveran case de toda a parte. 

comentarios