Xunta corta a colaboración co premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón

O Concello de Dodro indica que argumento dado é que non aparece o logo da Xunta no libro premiado en 2019. O Goberno local lembra que ao longo de estes anos en ningunha edición da obra gañadora se incluíu ese logo.

Eusebio Lorenzo Baleirón
photo_camera Eusebio Lorenzo Baleirón, o poeta de Laíño (Dodro) que dá nome ao premio de poesía.

O Eusebio Lorenzo Baleirón é un dos premios de poesía máis prestixisoso da Galiza. Convócase desde 1988, organizado polo Concello de Dodro, e ademais de promover e incentivar a poesía en galego ten como finalidade lembrar e homenaxear o poeta de Laíño Eusebio Lorenzo Baleirón, morto prematuramente en 1986.

Entre os gañadores deste galardón figuran nomes ben recoñecíbeis das letras galegas, como Helena Villar Janeiro, Estevo Creus, Isaac Xubín, Gonzalo Navaza, Emma Pedreira, Rafa Vilar ou Xosé Miranda, entre outros.

O Concello de Dodro vén de anunciar que a Xunta deixa de colaborar con este premio argumentando desde a Dirección Xeral de Políticas Culturais que na publicación do libro premiado en 2019 (Voz do Arqueiro, de Antón Blanco) non figuraba o logo da Administración galega.

Un argumento que sorprende no Concello de Dodro, que a través dunha carta remitida á Xunta por rexistro xeral e correo electrónico lémbralle que o logo da Administración galega non figuraba en ningunha obra premiada en anteriores edicións. “Se hai que facelo a partir deste ano, estamos dispostos”, acrecentan.

Porén, indican desde o Goberno local, non obtiveron resposta malia que xa pasaron dous meses. Subliñan, ademais, que a Concellería de Cultura e Patrimonio está “firmemente disposta” a continuar con este premio de poesía “aínda que a Xunta non colabore”.
 

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios