A Xunta convoca a praza para dirixir o Centro Dramático Galego 

A vindeira persoa que dirixirá o Centro Dramático Galego terá que ser licenciada e ter experiencia en postos directivos. A Xunta publica a convocatoria para ocupar a praza vacante despois da dimisión de Manuel Guede. 

Centro Dramático Galego

A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) publica este 17 de xullo no DOG a convocatoria para ocupar a praza de dirección do Centro Dramático Galego (CDG), vacante despois da dimisión de Manuel Guede. 

As persoas que aspiren a ocupar a praza terán trinta días naturais para presentar os méritos, nos que se valorará a experiencia profesional en postos directivos, no ámbito da xestión cultural ou espectáculos e tamén noutros postos no ámbito da xestión cultural ou de espectáculos. Mais, para que os méritos computen, as aspirantes terán que cumprir o requisito de teren unha licenciatura universitaria -sen especificar cal-, o que deixa fóra algúns dos máis relevantes nomes do teatro galego que teñen unha ampla traxectoria no mundo artístico e de dirección mais non remataron unha titulación universitaria. 

A comisión de selección, nomeada por resolución do director da Agadic, valorará en 55 puntos a experiencia profesional mentres o proxecto anual para o departamento será puntuado con 35 puntos e a entrevista persoal con 10. As retribucións brutas do posto serán de 37.027,44 euros. 

Baixo mínimos

Tanto desde Escena Galega como desde a Asociación de Actores e Actrices de Galicia mostraron a súa preocupación pola situación do centro non só pola dimisión de Guede senón polo papel que está a cumprir no panorama escénico galego. 

O CDG anuncia na súa páxina que regresará en setembro coa nova programación 2015-2016. Na anterior, correspondente ao 2014-2015 baixo a dirección de Manuel Guede, o centro público produciu dous únicos espectáculos “As laranxas máis laranxas de todas as laranxas”, de Carlos Casares con dirección escénica de José Caldas e musical de Bernardo Marínez e “Xardín Suspenso”  de Abel Neves, dirixida por Cándido Pazó. Coproduciu o espectáculo da compañía CatroCadeiras  “Ganas de ouvear” de Joan Giralt e Dani Salgado xunto co Teatro Nacional de Cataluña e colaborou con “A tempestade” de Shakespeare da compañía Voadora e Pangeia de Fran Núñez e Bárbara Aguiar de Limiar Teatro. 
 

Comentarios