A Xunta “concreta” na convocatoria as súas preferencias para a dirección do CGAC

A Consellaría de Cultura vén de publicar no DOG a convocatoria para a dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea. Por vez primeira, fai público tamén o baremo. 

cgac
photo_camera cgac

As posibilidades de que a persoa que substitúa ao portugués Von Haffe á fronte do Centro Galego de Arte Contemporánea sexa galega son elevadas. Así parece deducirse da convocatoria que a Consellaría de Cultura publica no DOG na que, por vez primeira e contra o que aconteceu en 2009, fai público tamén o  baremo que valorará ás distintas candidaturas. 

Dos distintos apartados, sorprende que a administración prime de maneira singular, con 55 puntos, o "coñecemento do contexto económico, social, institucional e cultural da Comunidade Autónoma de Galicia”, condición fácil de demostrar por quen resida ou desenvolva a súa actividade na Galiza. O coñecemento da realidade galega vale, no baremo para dirixir o CGAC, máis de catro veces o que se puntúa por experiencia na dirección de centros de arte que, para a Consellaría só contabiliza en 14 puntos e dez veces máis que contar cun doutorado nalgunha das áreas relacionadas coa arte contemporánea, que só se puntuará con 6 puntos, máximo tamén para másters e posgraos. 

Publicacións e comisariados

Se o candidato ou candidata con máis posibilidades será alguén con residencia ou traballo en Galiza pódese adiantar que tamén goza de moitas posibilidades quen conte no seu haber con gran número de publicacións, apartado que, para a Consellería conta case tres veces o que a dirección de centros e similares. Un total de 35 puntos pódense conseguir neste apartado. Ao baremo por méritos sumarase os 55 puntos que se poden acadar pola presentación do proxecto e os 10 correspondentes á entrevista persoal. 

A condición que, en principio,podería ser máis restritiva é a xustificación de experiencia mínima de tres anos na dirección e xestión de museos, agora ben, a propia Consellaría alixeira o requisito para engadir que, no seu caso, tamén poderán optar quen demostre experiencia en “comisariado de exposicións de arte moderna e contemporánea”. 

Trátase da segunda vez que a Consellaría de Cultura recorre á convocatoria pública para escoller o director ou directora do CGAC. En 2009 fora este o sistema polo que sairía elixido o portugués Miguel Von Haffe que anunciou hai meses a súa vontade de non se volver presentar á praza. Daquela, Cultura publicara a convocatoria mais non o baremo de puntuacións, recoñecendo entre os méritos a ter en conta a experiencia en postos similares -sen facer mención a comisariados-, ou o coñecemento e relacións co medio internacional da arte contemporánea, que sería avaliado polo comité con criterios que escollerían as propias persoas que o integraban.

Comentarios