A Xunta cesa a Fernández de Sousa á fronte do padroado do CGAC

A Xunta mantivo como presidente do padroado do CGAC ao que fora presidente de Pescanova, Manuel Fernández de Sousa-Faro, até que foi cesado finalmente no primeiro Consello deste mes de marzo. A Consellaría informara de que de Sousa presentara a dimisión hai quince meses mais só agora fai a súa substitución por Sofía Santos, até agora vicepresidenta. 

Fernández de Sousa

Máis de quince meses tardou a Xunta en substituír o presidente do padroado do CGAC, Manuel Fernández de Sousa, aprobar o seu cesamento e poñer no seu lugar á que até agora era vicepresidenta Sofía Santos. No Padroado do CGAC estaban, alén do presidente que levou á ruína a Pescanova, os responsábeis das Caixas, Gayoso e Méndez. Segundo informara a Xunta hai xa un ano, o presidente de Pescanova tería presentado a súa demisión por carta a Xesús Vázquez o 12 de novembro de 2012 e os ex-presidentes das caixas, un mes despois.

Tras a aprobación do Consello da Xunta do decreto de cesamento, dáse o visto bon na mesma xuntanza do 6 de marzo tamén á proposta da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación universitaria de nomear Sofía Santos Pérez para o posto de presidenta do padroado, ocupando o cargo de vicepresidente Luis Sirvent López. 

Coa ruína de Pescanova 

Doutora en Medicina e Cirurxía, adxunta de Otorrinolaringoloxía no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, profesora titular da Facultade de Medicina e directora do Departamento de Dermatoloxía e Otorrinolaringoloxía da Universidade de Santiago, a vinculación de Sofía Santos coa arte contemporánea vén a través do coleccionismo, aínda que a Consellaría informa de que tamén ten comisariado exposicións e presentado conferencias, en especial arredor da relación da arte coa medicina. Luís Sirvent é tamén coleccionista de arte e o seu nome tomou maior popularidade despois da exposición de máquinas de escribir que se desenvolveu na Cidade da Coruña. 

A Consellaría de Cultura quixo desvincular a demisión de Fernández de Sousa do estoupido do conflito de Pescanova e da data na que tería aproveitado a información para vender ás accións da empresa, porén tardou máis dun ano en facer efectivo o cesamento no Consello da Xunta. A composición do padroado continúa sen aparecer na páxina do CGAC e a Xunta só informa da proposta de Sofía Santos e Luís Sirvent a través da información na que se recolle o cesamento de De Sousa no Consello.

Comentarios