A Xunta carece de dereitos sobre o vídeo de Enrique Iglesias polo que pagou 302.500 euros

Se a  Xunta quixera proxectar o vídeo de Enrique Iglesias polo que pagou 302.500 nunha feira de turismo non podería. A produtora tería que autorizar o seu uso “de forma expresa”. 

Enrique
photo_camera Enrique

Tres meses despois de ser esixido por unanimidade por todos os grupos da comisión sexta do Parlamento, a Xunta fixo público o contrato privado asinado coa Universal music Spain segundo o cal a produtora ten todos os dereitos sobre a produción, malia ter recibido 302.500 euros do goberno galego. 

Incumprimento en Pontevedra

O contrato cúmprese nos eixos básicos: a Xunta paga os cartos e Enrique Iglesias roda en Galiza. Do resto, pouco máis. O contrato é tan laxo que nada hai que reprochar á produtora de Enrique Iglesias por só incluír unhas fotos fixas en poucos segundos agrupadas maiormente no inicio do videoclip. As condición non obrigan a moito máis. O único que non se cumpre é que dos escenarios recollidos no contrato finalmente Pontevedra non aparece no produto final.  

Dereitos da Universal 

O texto do contrato contempla, iso si, a “cesión de dereitos a favor de Universal” que será “a única propietaria en exclusiva do videoclip, incluíndo todos os brutos de rodaxe e materiais descartados”. A cambio, a orodutora ofrece á Xunta a popularidade dun artista para o que  “os seguidores das súas redes sociais se contan por millóns”. 

O contrato, escrito en español e con topónimos deturpados, non estipula tampouco nin as imaxes nin o tempo que Galiza tiña que ter presenza no vídeo. Tampouco que as imaxes se recoñeceran de maneira explícita. “A trama do vídeo avanza da man dunhas turistas que chegan a Galiza e tratan de atopar unha festa secreta na que estarán Enrique Iglesias, Juan Magán e Yandel”. A festa celébrase nun antigo mosteiro abandonado nas aforas de Santiago, que mostra o misterio e beleza da paraxe ao mesmo tempo que o glamour, sensualidade e ambiente dos vídeos de Enrique Iglesias”, lese no contrato no que se contempla que no percorrrido das turistas se recolllerán “imaxes de gran beleza, perfectamente identificables, da Comunidade Autónoma de Galicia, algunhas delas, patrimonio da Humanidade”. 

Comentarios