mércores 08/12/21
'Aí vén o maio!'

Xulio Valcárcel: “Nesa vontade de cantar desde dentro, de ser voz do pobo para o pobo, 'Terra Cha' atinxe unha temática moi varia”

Xulio López Valcárcel traballa, como tamén traballou Manuel María, como procurador dos tribunais. Recebeu importantes premios como poeta e colabora en varios xornais. Preparou para o coleccionábel 'Aí vén o maio!' de  Nós Diario o fascículo sobre 'Terra Chá'.
xulio valcárcel

Que representa Terra Chá  dentro da obra de Manuel María?

Un fito fundamental, como o demostra  o feito de que traballase nese libro preto de medio século… E porque serviu para que  Manuel María fose alcumado “Poeta da Terra Chá”, algo do que se sentía moi orgulloso.   Cando no 2005, A Irmandade dos Vinhos Galegos quixo ofrecerlle unha homenaxe, fixemos unha edición non venal de milleiros de exemplares producida por Carlos Díaz Martínez, capa de Perfecto Estévez e deseños de  Isaac Díaz Pardo. Aínda que sen asinar, a soleira escribina eu, e  tamén  me  encarguei  de repartir centos de exemplares entre amigos e coñecidos. Porque de nada vale botar moitos  exemplares se  despois  fican esquecidos en faiados  e almacéns. Sabía o moito que  o “Terra Chá” significaba para Manuel  e quería  axudar a  divulgalo.

A quen vai dirixido o libro? Con que temática?   

Trátase dun libro intencionadamente “popular”, dirixido a un  lectorado moi amplo.  Manuel María adoptou á mantenta a linguaxe, as  ideas e a sensibilidade  dos interlocutores aos que se dirixe. É como se quen se expresase fosen os homes e  as  mulleres da Terra Chá (e por extensión da Galiza interior)  e o autor se limitase a darlles voz, a erixirse no seu voceiro. Nesa vontade de  cantar desde dentro, de ser voz do pobo para o pobo,  atinxe unha temática moi varia que vai  da paisaxe, a xente, as feiras e romaxes, pasa pola terra e o labradío, os animais, o tempo no senso  meteorolóxico, e remata nas árbores, as cousas e  os  aveños de labranza.    

Como foi a recepción de Terra Chá?

Boa e  “in crescendo”. A cada paso, mellor. A primeira edición estaba  composta por 55 poemas breves;  nas sucesivas edicións (a maioría publicadas  en Lugo por Celta) foi  engadindo  textos (na segunda xa son  92 poemas  e 114  na actual). A destacar a  edición  crítica realizada polo profesor Xosé María Dobarro. Fundamental na  divulgación, foron  Fuxan Os Ventos, que musicaron  con moito suceso  “O Carro” e  outros poemas.   

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Considera que segue vixente hoxe?

O propio Manuel María  era consciente de que  moitos  traballos, ritos, costumes e tradicións  que recolle en “Terra Chá”  son hoxe “etnografía histórica” e non obstante os poemas conservan a súa forza  e  o seu sentido, primeiro como produtos literarios e, segundo, por ese propio valor histórico, para que as novas xeracións coñezan a vida e o vivir dos seus devanceiros. 

Subscríbete

As subscritoras e subscritores recibirán as entregas do coleccionábel, de terzas a sextas feiras, cada día con Nós Diario, ben en papel ben para a lectura na nube, en función da modalidade elixida. Se non es asinante, podes sumarte en nosdiario.gal, ou ben podes reservar o diario en papel nos quioscos.

Xulio Valcárcel: “Nesa vontade de cantar desde dentro, de ser voz do pobo para o pobo,...
comentarios