domingo 29.03.2020
XULIO PARDO DE NEYRA, AUTOR DA PRIMEIRA NOVELA PORNO EN GALEGO

“Confesar que se leu a miña novela é xa pecadento para a crítica”

Ten tres teses doutorais e é profesor na Universidade da Coruña. Xulio Pardo de Neyra é tamén autor de Intensa e quente é a túa humidade azul (Positivas), a que se presentou como primeira novela pornográfica en galego. 

Xulio Pardo de Neyra
Xulio Pardo de Neyra

Que o rigoroso ensaísta e investigador escriba sobre sexo na súa faceta literaria non é nada singular . “O asunto de foder non ten nada a ver coa vida normal”, anota. 

-A Universidade, o seu ámbito de traballo, non parece un lugar propicio para a pornografía? Como foi recibido o seu libro?

A Universidade non é moi propicia nin á creación, nin mesmo á investigación nin moito menos a unha creación literaria subversiva como é a pornografía. A recepción? De compañeiros e compañeiras nada sei, maiormente nin se enteirarían. A verdade é que non percibo ningún tipo de interese nin intercambio, nin mesmo de lecturas. Nunha das presentacións achegouse un compañeiro, máis nada. No alumnado a recepción foi boa. Dou aulas en segundo curso e notei que unha parte mesmo ficou abraiada porque talvez con esa idade pensen que os maiores non sabemos nada de sexo. É a mesma sensación que imaxinar os nosos pais e as nosas nais e non se nos ocorre pensar que puideran facer certas cousas. 

-Cos seus fillos aconteceu igual que co alumnado?

Os maiores teñen 20 e 21 anos e son xente aberta. Un chámase coma min e estuda Químicas e moitos amigos pensaron que era el o autor. Sei que no seu círculo de amigos, gustou. O tema é atractivo, todo o mundo sabe que se fai pero nunca se fala diso. É curioso porque todos comemos e facemos apoloxía da comida e hai programas, libros.... suponse tamén que todos fodemos e diso non se fala. Como me dicía un editor de Lugo, o problema é que non todos fodemos. Nun blogue, unha persoa que loou o meu currículum dicía que ía escandalizar Lugo. Non é a miña intención escandalizar. Nacín e morrerei libre. Non lle debo nada a ninguén e iso é moi raro dicilo cando se está na Universidade. Sempre fago aquilo no que creo. Dicía a miña muller que falar desta novela é moi complicado porque comete dous pecados, un é falar de pornografía e outro, deixando a parte o feito de que non siga a norma da RAG, é que retrata escenas de amor e sexo non convencional. Para calquera crítico ou crítica, o feito de confesar ter lido a novela é algo pecadento. Só houbo unha muller que foi Pilar Ponte que ponderou todo isto, a elección da opción lingüística, a temática pornográfica e a subtemática de sexo non convencional. 

-Un home maior, unha muller nova, unha relación de dominación... por que insiste na súa condición de “non convencional”?

Nunha presentación preguntáronme por que non ao contrario e contestei que porque me deu a gana. Se tivera tetas, sería unha señora. A temática das “lolitas” ten unha certa traxectoria literaria e esta novela naceu así. O sexo convencional oriéntase á cópula, é metela e xa está. Non hai nada máis androcéntrico nin machista. O que se recolle na novela non é o que adoita facer a maior parte da xente. Do que se trata é de pasalo ben na cama. O asunto de foder non ten nada a ver coa vida normal. No mundo do xornalismo temos o caso de Pedro J. Ramínez, un home duro, de éxito, que lle pagaba a putas para que lle mexasen. Podo ser unha persoa normal e gustar ser un home que precisa ser feminizado para excitarse sexualmente. Esta novela retrata iso. No fondo é unha historia de amor na que pasan moitas cousas, é unha historia que nace e se desenvolve polo carreriro da excitación sexual. Os protagonistas son persoas que utilizan xoguetes sexuais, que teñen conciencia de utilizar todo o corpo e prepara os encontros sexuais con grande minuciosidade. O momento de correrse é, en especial nos homes, unha cousa breve e estes son encontros sexuais de horas. É un xogo sexual, trátase de someter á muller na cama porque a ela lle gusta sentirse sometida. Este tipo de xogos baséase nun cerimonial un pouco tradicional no sentido de que o home ocupa o papel moi masculino e a muller goza con iso, poñendo atributos estéticos como roupa vistosa e zapatos de tacón, todo orientado para gozar do sexo. 

-Sabía que, con eses elementos, arriscábase a recibir críticas de machismo como aconteceu. 

Só foron dúas persoas que fixeron críticas nese sentido, apelando ás feministas. É como se ao relato “Troski” de Xabier P. DoCampo no que unha parella fode e se mete un can no medio, se lles dá por dicir que saian as protectoras de animais na súa contra. Só recibín críticas de dúas persoas e foi por vendetas persoais. En todas as presentacións que fixen apreciei que quen máis celebrou o libro foron as mulleres. Isto é perigosísimo porque se sumamos o éxito de triloxías como 50 sombras de Grey podemos preguntarnos que está a pasar. Será que os homes non sabemos foder? O outro día un rapaz de vinte nos dicíame que lle gustaba esta literatura porque o excitaba. É curios que mozos que teñen internet e todo o ao seu dispor digan que lle pon un libro. 

-O audiovisual primeiro e internet despois desprazaron esa “utilidade” da literatura pornográfica?

Certamente que á velocidade dun clip podas ter ao teu dispor todo tipo de pornografía é unha competencia ben grande. Os homes somos os maiores consumidores de pornografía na rede. Chegar á excitación cun libro dá moito máis traballo. O escritor Francisco Castro cando saíran 50 sombras de Grey criticaba iso nun artigo que titulaba “LE o meu libro e córrete”. Por iso tamén eu dixen que me gustaría que a xente se correse lendo o meu libro. 

-Á literatura pornográfica tense considerado un subxénero, esa competencia do audiovisual fai que precise saír dese espazo? 

Tanto Pilar Ponte como Ramón Nicolás dixeron que a miña está á altura das grandes novelas pornográficas europeas. Na Galiza vivimos nunha sociedade moi atrasada mais tampouco no Estado español existe. Os franceses e francesas, que son pais e nais do sentimento pornográfico, non recoñeceron ate os anos noventa a literatura pornográfica en castelán. Na Franza temos cumios na literatura pornográfica e relacións de dominación-sumisión na cama. Aquí falamos de arte, dunha obra literaria. Levo máis de vinte anos dedicándome á crítica literaria e orienteime cara o ensaio, á reflexión e crítica. Que me meta agora na creación tamén causa vexigas. Gosto da pornografía, de todo tipo, e hai de calidade. Acredito. Na novela hai unha chiscadela á pornografía francesa e tamén á literatura. O protagonista é un home con moita formación literaria e a rapaza estuda unha sorte de filoloxía.  

-Como se dá ese paso? Ten tres teses de doutoramento, o traballo máis académico, como se pasa de sesudo investigador a creador de sexo?

A primeira é sobre Correa Calderón, pai do verdadeiro nacionalismo galego, pero a de Historia foi sobre o mito do cabaleiro e a terceira sobre a muller acuática nas literaturas europeas. A verdade é que cando un analiza a Fole, a Correa ou a Carvalho Calero pensa que nalgún momento tamén vai ser analizado e sinte vergoña de si van dicir que me gusta dominar ás mulleres, como se fixo con Pondal.Gosto da literatura pornográfica, resúltame excitante, gosto que compartín co meu pai que era afeccionado. Lembro ver con el os filmes que puñan no ciclo de medianoite na tele e el mesmo completou cos títulos que faltaban. Gústame ser consumidor de literatura pornográfica. Cando un escribe faino por catarse persoal, sobre algo do que gusta e nada mellor que crear cunha entrega total, con paixón. Hai quen me pode considerar tradicional, por ser pai de moitos fillos ou por pertencer a unha esfera máis tradicionalista mais non ten nada a ver co exercizo literario no que non hai temas malditos. O perfume é a historia dun home que mata raparigas, nárranse acontecementos delitivos, e non pasa nada. Porén, nunha obra literaria na que a xente fode pode pasar. Ao meu ver, ser un pervertido ou pervertida é unha etiqueta positiva. Considérome pervertido, se non é un aborrecemento. Todo o mundo pode recoñecer que fai cen quilómetros para ir comer a un sitio mais ninguén confesa que está desexando chegar a casa para foder. 

´
-A novela presentouse como a primeira pornográfica en lingua galega, a literatura galega é en exceso pudorosa?

Moito, moito. Por desgraza somos herdeiros da literatura española. A literatura picante, os contos de Samaniego, por exemplo é moito, mais pouco explícito. A min gústame algo máis claro. Na Galiza somos moi tradicionalistas. O conto é que eu fago todo isto mais non se pode saber. Canto menos se saiba mellor. 

-Por iso coida que a súa literatura é subversiva?

O sexo é moi normal, é unha actividade sen a que non podemos pasar os seres humanos. Unha pulsión. Igual que precisamos comer precisamos foder. A novela é subversiva porque atenta contra o establecido. Lacan e Deleuze falan de sexo como algo positivo mais sempre entre catro paredes, na intimidade. É subversivo porque moita xente non está preparada para afrontar isto como algo normal. Se falamos dun asasino non pasa nada mais se falamos de alguén que fode é unha subversión. Levar esa parcela de foder a unha obra literaria, facer dela arte, é moi complicado. A pornografía foi sempre considerada como algo soez, etimoloxicamente está por baixo das feces, nin merda é, cando non hai nada máis sublime que narrar o que facemos. 

-E topou a lingua preparada para a pornografía?

Temos unha riqueza léxica que non existe en castelán. Hai moitas palabras para chamar á pirola e á cona. A xente fala de polla e follar cando temos verbas preciosas e esas dúas son castelanismos. Por iso dicía eu cando saíu a novela que me gustaría que contribuíse a que se fodese máis en galego.

comentarios