Xulia María Barros: "Unha maneira fundamental de aprender das crianzas é a través das historias dos maiores"

Xulia María Barros é escritora e terapeuta. Publicou, entre outras, a obra infantil Cumba Maxia da Terra, representada en xira pola compañía de monicreques  Pequeñoles. Como intérprete musical, outra das súas paixóns, publicou o disco A Porta Aberta e escribiu e interpretou diferentes espectáculos poético-musicais, entre eles Noites da Galiza, que levou por diversos escenarios do país e tamén viaxou até Arxentina. Agora presenta A árbore dos vagalumes, unha emotiva historia interxeracional moi relacionada coa súa experiencia vital e co municipio onde naceu: Redondela.
A escritora Xulia María Barros en Redondela, a súa vila natal, protagonista da súa última obra (Nós Diario).
photo_camera A escritora Xulia María Barros en Redondela, a súa vila natal, protagonista da súa última obra (Nós Diario).

-Como entra a literatura na súa vida e como comeza a escribir e a publicar?

Foi a través da miña avoa, que me recitaba poemas de memoria cando eu era nena. Era a literatura oral que tiñan os nosos maiores. Sabía moita poesía de memoria e polas noites, antes de durmir, ou mesmo polo día, recitábame. Coido que foi a primeira semente. O curioso é que vivía nunha casa onde non había ningún libro. Meu pai era un namorado da literatura mais quedara orfo de pequeno e non tivo a posibilidade de ter libros.

Despois, cando puiden, merquei eu. Tamén foi fundamental para min as primeiras lecturas na escola dese tempo con Miguel Hernández ou García Lorca. Daquela namorei da literatura en xeral e da poesía en particular. Esa sede de non ter libros igual potenciou máis o meu amor por eles. 

Algo fundamental para min foi descubrir a biblioteca municipal de Redondela, todo un paraíso. Por último, estivo a figura dun profesor que un día, cando tiña eu 14 anos, decatouse de que eu escribía unhas narracións e animoume comentándome que estaban moi ben. En todo caso, é moi difícil explicar por que unha escribe, coido que estaría mal se non o fixese. Mesmo corrixir é un momento especial que me fascina. Creo que non podería facer outra cousa.

Pase o que pase na miña vida nunca vou deixar de escribir, é algo que irá sempre comigo. Sinto que é algo verdadeiro que non remata.

-Que é 'A árbore dos vagalumes'?

É un conto que fala da relación entre un avó e o seu neto. Relata a memoria do que foi a illa de San Simón en tempos de Franco. Fala da liberdade e tamén dunha serie de tradicións de Redondela, como é a festa da Coca. Fai un percorrido pola historia deste municipio mais sen entrar en profundidade por estar pensado para crianzas a partir seis anos. Tamén trato o tema do alzhéimer e da importancia que ten transmitir a memoria, neste caso a do avó cara ao seu neto coa intención de que saiba de onde vén e onde podería ir. As cousas importantes da vida. 

Sitúo na historia unha proposta máxica que é a árbore que simboliza a permanencia da familia, a transmisión dos valores importantes nunha sociedade, e os vagalumes, que é o que aparece e desaparece rápido para dar a entender que as cousas non duran para sempre. Para min as e os nosos maiores están cheos de saber. Son a nosa herdanza máis máxica. É a fascinación, polo menos para min, dunha memoria que quere sobrevivir nun lugar tan fermoso como é Cesantes, en Redondela, onde eu nacín.

-Cal é o valor que ten para vostede a memoria nestes tempos nos que todo vai tan rápido?

A memoria é o feito de converter o cotián en algo extraordinario. No caso da memoria do avó e do que viviu é importante para que determinados feitos non se repitan. Como aprendemos? No meu caso foi a través das historias que a miña avoa me contaba. Considero que unha maneira fundamental de aprender das crianzas é a través das historias dos maiores.

Van á escola e é importante que aprendan matemáticas e literatura mais despois hai unha forma de facernos persoa. E faise con eses vínculos familiares ou do que nos contan. É a mesma árbore que non comeza e remata cun elemento da familia, é complexa e cada quen achega algo. Na aprendizaxe dunha crianza ten moita importancia a historia que conte unha avoa ou un avó a través dos seus ollos. Facilitará que sexa unha persoa de conciencia.

Comentarios