Dousmaisdous por unha cultura galega viva

Xoxé Pompei: “Queremos unha cultura galega viva, máis aló do polbo e dos percebes"

Xela Arias, Manuel María, Man de Camelle ou a pandemia da Covid-19 son algúns protagonistas da canle de Youtube de videopoesía Dousmaisdous. Un proxecto creado polo  poeta XoXé Pompei xunto a Euloxio Fernández, Loxo Seixas e Edu Segovia, que se divide nas series “lume”, “terra” e “edabar”.
@zlatko_plamenov-atribuir-web
photo_camera Desde a esquerda, os fotogramas de 'Deixar falar as ondas', videopoema de Xela Arias e videopoema de Manuel María. (Foto: Nós Diario)

No ano 2014, o poeta Xoxé Pompei, afincado en Madrid e autor de Versos sen pan ou Anxos de terra, botou a andar na plataforma dixital Youtube a canle de videopoesía en galego Dousmaisdous. Un proxecto para o que contou e conta con Euloxio Fernández nas locucións, Loxo Seixas na imaxe e Edu Segovia na edición dos vídeos, ademais doutras colaboracións puntuais á hora, por exemplo, de pórlle voz aos poemas.

Dousmaisdous inclúe os apartados “lume”, onde se insiren os poemas do propio Pompei; “terra”, dedicada aos clásicos galegos e que até o de agora conta con videopoemas con obras de Manuel María e Xela Arias; e “edabar”, canle dedicada a Rábade desde unha óptica tamén poética, pois é a localidade da que Pompei é orixinario.

“A canle de videopoesía en galego no Youtube ten preto de 17.000 visitas na totalidade dos vídeos, non somos virais, mais para unha canle de videopoesía non está mal”, explica a Nós Diario, Pompei.

“Queremos unha cultura galega viva, máis aló do polbo e dos percebes, á parte do detalle de que o estamos a facer desde Madrid”, recalca cando se lle pregunta cal é a meta que move este proxecto poético, nado por “unha necesidade case vital, un modo de ver e percibir o mundo” para logo envorcalo nuns versos e nunhas imaxes que permitan compartir esa ollada.

“A canle naceu para facer visíbel esta ollada, poder compartila directamente co espectador ou coa espectadora que chega a ela interesada” nos versos, analiza Xoxé Pompei.

A esta querenza poética úneselle o feito en si de ser galego, ao que se lle engade a residencia en Madrid, e nace Dousmaisdous para “reivindicar, por suposto, unha cultura galega viva e creativa máis aló dos tópicos”, puntualiza o poeta.

A finais de 2020 uniuse á poética de “dousmaisdous lume”, a poesía de Manuel María e a de Xela Arias en “dousmaisdous terra” e para o futuro, o horizonte é de “edabar”, onde pronto aparecerá un novo poema, que nace “dun libro nun caixón” dos que se van adaptando os poemas máis acaídos ao formato da vídeo poesía para “lanzalos pouco a pouco”, asegura.

Manuel María e a Chá canda Xela Arias e o amor

En outubro de 2020, Pompei, Fernández, Seixas e Segovia inauguraban “dousmaisdous terra”, dedicado á poesía galega clásica. “As penas de Rodas”, do autor chairego Manuel María, foron as protagonistas do primeiro videopoema, onde esa formación xeolóxica de Outeiro de Rei, á que cantaba o poeta, están presentes con diversos tratamentos de imaxe mentres se recitan os seus versos.

Houbo que agardar até o 16 de abril de 2021 e entón chegou a homenaxe a Xela Arias, co seu poema “Hoxe estoume abandonando de ti amor”.

Na voz de Antía Corral flúen versos recitados no Festival de Poesía do Condado, aló polo ano 1985... “como a túa boca a miña boca se abrasan / atordoando esta distancia que buscamos / aínda non aínda non podemos – arder / como febles garabullos nos incendios / das selvas as casas do mar como somos / dous cabalos catro peixes e un longuísimo amieiro”.

'Pandemia', reportaxe poética de Madrid na terceira semana de maio do ano 2020

Durante o primeiro confinamento provocado pola situación de emerxencia sanitaria que causou a Covid-19, Xoxé Pompei, en Madrid, escribiu o poema titulado “Pandemia” e creou, grazas ás voces chegadas en liña desde Chantada, Foz e a propia capital do Estado español, o videopoema homónimo.

Unha obra que adquiriu tinguiduras mesmo xornalísticas e na que, durante a terceira semana de maio de 2020, Pompei recolleu o documentou eses días nos que as rúas estaban cheas de colchóns desbotados e abandonados e que, “segundo a lenda urbana, eran os colchóns dos mortos”.

Pandemia” chegou desde a canle de Youtube até a secretaría de Residuos urbanos de Madrid, que afirmou que se recollían cada tres días... máis á vista do videopoema “a cousa era completamente falsa”. 

Comentarios