Xoves á noite na Coruña... curtas de cinema en pantalla grande

“Cinemacurtas” é o novo festival que bota a andar na Coruña a partir do día 7 de novembro. Cinco xoves nos que, a partir das nove da noite, as curtas serán as protagonistas da pantalla grande. 

Cinemacurtas
photo_camera Cinemacurtas

Organizado por Pixel Films e Filmax Galicia, “Cinemascurtas” confía en achegar as curtametraxes con calidade de exhibición ao gran público, fóra do circuíto de festivais especializados. Os organizadores queren mostrar a calidade do xénero en salas de cinema, co son e imaxe coa que se adoitan ver unicamente películas de longa duración. “Dignificar as curtas e ofrecer o mellor lugar e calidade de proxección para darlle ás curtas a importancia que merecen, unha sala de cinema dixital en alta definición” explican na presentación do programa que terá lugar nos Cines Filmax 3D da Coruña. 

“Pequenas, pero grandes obras de arte” poderanse ver cada xoves desde o 7 de novembro ao 5 de decembro” en sesións de 1h30m. En cada xornada proxectaranse seis curtametraxes previamente seleccionadas e organizadas. O prezo da entrada será de 3 euros por sesión cun bono de 10 euros por catro sesións e a gala final. 

"Cinemacurtas” terá tamén un palmarés no que se premiará a dirección, guión, fotografía, dirección artística, interpretacións, música orixinal, montaxe, son, vestiario e maquillaxe e perruquería. Haberá tamén galardóns especiais nos que participan os patrocinadores do programa. A AS-PG daralle o nome ao Premio á mellor curta galega. Filmax-Amura será o nome do premio á mellor curta de animación e Cantones Village outorgará o premio do público.

Comentarios