O ciclo propón a hibridación entre diferentes estilos musicais

Os Xoves de Códax fusionan música e viño

Fusionar estilos, combinar xeracións, xuntar artistas de diferentes tradicións. O ciclo Os Xoves de Códax, que ofrecerá cinco concertos entre xullo e agosto, aposta pola hibridación como ferramenta para crear novos paradigmas musicais. E pola maridaxe entre música e viño como forma de desfrutalos.
De esquerda a dereita, Xabier Díaz, Uxía Senlle, Jorge Pallarés, Eladio Santos e Ana Lee.
photo_camera De esquerda a dereita, Xabier Díaz, Uxía Senlle, Jorge Pallarés, Eladio Santos e Ana Lee.

Mesturar diferentes castes, combinar aromas, atopar o grao xusto de acidez na amálgama de diversas variedades. O proceso de elaboración do viño pode servir como o modelo que permite a experimentación musical, e iso é precisamente o que fan as Bodegas Martín Códax, que presentaron onte a IX edición dos Xoves de Códax, na que se ofrecerán cinco concertos, entre xullo e agosto, marcados pola fusión de estilos e procedencias xeográficas.  

Jorge Pallarés, director de márketing das Bodegas, congratulábase na presentación de que o ciclo puidese volver a ter lugar despois de dous anos de ausencia por mor da pandemia e das restricións sanitarias que se derivaron dela, antes de incidir  nesa vocación de hibridación coa que naceron os Xoves de Códax. 

Acompañado de Xabier Díaz, Uxía Senlle, Eladio Santos (de Eladio y los seres queridos) e de Ana Lee (vocalista de Las Antonias), Pallarés presentou as cinco "fusións" que se lle ofrecerán ao público ao longo do verán na terraza das Bodegas, nun lugar privilexiado do concello de Cambados. 

Os Xoves abrirán, o día 21 de xullo, cun concerto de Moisés Fernández -unha referencia galega da música flamenca- con Josemi Carmona y los Hijos del Agobio e co guitarrista Paquete. Unha proposta que combina raíz  flamenca e modernidade con músicos dun altísimo nivel. 

O día 28 de xullo, será a quenda de Uxía Senlle e Javier Ruibal, que veñen de sacar un disco con poemas de García Lorca e de Rosalía de Castro, e que, ademais, contarán co cantautor canario Pedro Guerra como invitado de luxo. 

O 4 de agosto, Xabier Díaz  unirase a unha intérprete nova, Antía Muíño, nunha colaboración que, en palabras do veterano músico, o obrigou a "saír da súa zona de confort" para "explorar novos territorios". Desa colaboración xorde unha "unha nova alquimia" que escenifica un diálogo entre dúas xeracións de músicos galegos. 

O multiinstrumentista e cantante galego Pablo Lesuit unirase á banda Jenny and the Mexicats, o 11 de agosto, nunha velada multicultural na que se atoparán ritmos de rockabilly, folk, jazz, reggae e da música latina. 

A colaboración entre Eladio y Los Seres Queridos e Las Antonias poñeralle o ramo ao ciclo o día 18 de agosto. A retranca dos de Vigo e o humor que Las Antonias empregan para deconstruír o machismo da canción tradicional das décadas de 1950 e 1960 prometen un divertido concerto, entre o retro e o indie.

Proxectos a longo prazo 

Durante a presentación, Uxía Senlle sinalou que este tipo de mesturas poden ir moito máis alá do concerto dunha noite, lembrando que o disco que vén de publicar con Javier Ruibal ten a súa orixe nun destes Xoves de Códax, onde tocaron xuntos por primeira vez, "decidimos facer algúns concertos máis, fomos coñecéndonos mellor e, finalmente, xurdiu este traballo arredor de Lorca e Rosalía", explicou a cantante. 

Uxía, ademais, quixo honrar a data do día da presentación -o Día do Orgullo- lembrando, máis unha vez, a Federico García Lorca

As cobizadas entradas para o ciclo poranse á venda a vindeira quinta feira, 30 de xuño, ás 12 horas. Estarán dispoñíbeis 350 entradas por concerto e a compra estará limitada a catro por persoa para cada un dos concertos, a un prezo de 25 euros cada unha. 

Un ciclo de concertos tamén con dimensión social

Non se trata só da maridaxe entre o viño e a música, da hibridación entre estilos, xeografías e xeracións diferentes: durante a presentación, Jorge Pallarés quixo destacar o compromiso social do ciclo, lembrando que a recadación de cada un dos concertos destinarase a unha ONG galega. 

Ao longo das oito edicións celebradas até o de agora, os Xoves de Códax xa lograron xuntar máis de 150.000 euros, que foron repartidos entre distintas asociacións solidarias da Galiza. 

Comentarios