Contracultura

Anxo Xoán Rajó, profesor: "Ao alumnado sorpréndeno as múltiples facetas de Luísa Villalta; poeta, violinista, activista..."

Anxo Xoán Rajó (Vigo, 1973) asina Luísa Villalta. A música e a poesía na mesma persoa (Ir Indo), unha biografía realizada a través de investigación bibliográfica e de entrevistas ás persoas que coñeceron a homenaxeada no Días das Letras Galegas deste ano. 
Anxo Xoán Rajó é profesor de secundaria (Foto: Lucía Núñez Martínez).
photo_camera Anxo Xoán Rajó é profesor de Secundaria. (Foto: Lucía Núñez Martínez).

—Non é a primeira biografía que fai sobre a persoa homenaxeada nas Letras Galegas. Como enfrontou a de Luísa Villalta?
A Xela Arias coñecina persoalmente porque foi compañeira miña na facultade e a Francisco Fernández del Riego a raíz das miñas investigacións. Tamén fixen a de Otero Pedraio, mais neste caso era unha obsesión miña que xa viña desde os meus estudos. Evidentemente ao coñecer a persoa directamente é máis doado, aínda que haxa un proceso de investigación posterior. O de Luísa Villalta foi unha encarga editorial e eu non tiña este trato con ela, polo que o primeiro que fixen foi reunirme coas persoas que máis e mellor a trataron no seu momento: Miguel Anxo Fernán-Vello, Xosé María Álvarez Cáccamo e Carlos López Bernárdez.

Con estas entrevistas fun recollendo datos, analizando tamén a súa obra. Miguel Anxo, por exemplo, centrouse moito máis na parte poética, mentres que Carlos López, na parte narrativa, e Xosé María, tanto na poesía como no ensaio. Tamén tiven algunha conversa telefónica coa súa irmá e con outras autoras como Inma López Silva ou Yolanda Castaño. 

—Cal é o obxectivo que ten á hora de escribir as biografías?
Como son docente de Secundaria, intento que os libros que escribo sexan útiles para o profesorado e o alumnado. Para min é fundamental que se entenda a parte biográfica e bibliográfica. 

No caso de Luísa, o que fago, con toda a modestia do mundo, é unha aproximación á súa obra. Introduzo algunha reflexión ao respecto da súa literatura, cousas que me transmitiron outros autores e conclusións do meu propio proceso de lectura, mais nunca consiste nunha investigación en profundidade porque entendo que iso xa son estudos moi laboriosos que requiren doutros tempos. Quero que sexan obras prácticas e útiles.

—Tendo este contacto estreito coa rapazada, cal é a visión que teñen sobre Luísa Villalta?
Creo que hai moito paralelismo con Xela Arias, entre outras cousas porque ambas formaron parte desa xeración na que había un impulso da poesía en feminino. A sensación que recibimos todos os autores que estivemos implicados cando ela foi homenaxeada foi que a recepción por parte do alumnado foi moi boa. Evidentemente estamos falando dunha poesía que resulta un pouco complicada, mais á vez fai que a rapazada se sinta máis identificada que coa poesía doutros persoeiros que ás persoas adultas poden parecernos moi importantes.

Por exemplo, Fernández del Riego fixo moitísimas cousas pola lingua e nós vemos de maneira clara a súa transcendencia, mais quizais para a xente nova non sexa algo tan atractivo. Unha muller nova chámalles moito a atención, así como o feito de ter unha poesía moderna que ademais poida encaixar con letras de cancións que escoitan. Tamén axuda moito que grupos como A banda da Loba fagan versións dos seus poemas porque contribúen a difundir a obra destas autoras. 

Nos centros tentamos achegarlles unha visión máis próxima ao alumnado. Escollemos a parte poética e narrativa de Luísa que pode resultar máis atractiva. Algunhas cousas que sorprenderon entre o alumnado foron as múltiples facetas de Luísa: poeta, violinista, ensaísta, autora de teatro, activista... e a súa visión crítica. É unha muller cunha obra moi ampla e moi diversa, e iso é algo que valoran moito.

Comentarios