‘Confín dos verdes castros e valeroso clan!’

Xosé Suárez: “Unha das funcións das murallas do castro é monumentalizar un sitio ao que se lle outorga un significado especial”

O arqueólogo Xosé Suárez Otero introdúcenos no castro Facho de Donón en Cangas. Unha  nova entrega do coleccionábel ‘Confín dos verdes castros e valeroso clan!’.

Jose-Suarez-Otero-2

Fai referencia no teu artigo ao "impoñente sistema defensivo" do castro. Sendo este un castro que sería -nalgún momento do tempo- un santuario, terían estas defensas algunha explicación nova máis alá das habituais?

A función das murallas son dúas que están estreitamente interrelacionadas. Unha sobreprotexer un sitio xa en si dificilmente accesible, pero incidindo alí onde están os puntos febles para a súa defensa. Outro monumentalizar un sitio ó que se lle outorga un significado especial. O contexto desa monumentalización é o dunha reestruturación total do castro, na que estas murallas volven xogar outro papel ao servir tamén de muros de contención. Unha transformación dunha entidade que, en esforzo e planificación, presupón ir máis alá dunha pequena comunidade, acorde coa posición fronteiriza do Facho -entre Cileni e Grovii- e coa diversidade do rexistro cerámico, con mostras de varías áreas da cultura galaica.

Unha transformación, en fin, a que eses materiais sitúan por volta de mediados do século I a.C e substitúe a outra semellante, pero menos coñecida e centrada ao redor do século II a.C. Estamos, polo tanto, inmediatamente despois da campaña de César cara a Brigantium que tivo un marcado carácter costeiro, co que puido ter afectado de xeito directo ao Facho- que ninguén se estrañe, na Galia despois da conquista seguíronse construíndo lugares de culto propios, mesmo con foxos.

Tamén indica a grande cantidade de formas dos edificios atopados. Á marxe de poder ser feitos en épocas ben distintas, chámalle a atención que algúns estexan dividos en dúas estancias ou que interiormente non son edificios simples... Que funcionalidades poderían ter estas construcións? Cre que puideron darse distintas formas de construción nun mesmo tempo? Temos a posibilidade de asociar as formas da construción a unha época determinada?

Os edificios mencionados no artigo respostan todos a un mesmo momento, tanto no seu uso, coma, nos mais dos casos, na súa construción -cabe a reutilización dalgún edificio da fase precedente. Son produto desa remodelación da que falamos, claramente planificada para unha distribución e funcionalidade da arquitectura en relación coa do conxunto do castro.

É difícil, polo de agora, concretar moito nos tipos de ritos realizados, pero atopamos a datos que apuntan a “sacrificios”, os “banquetes rituais”, a posibilidade da celebración de encontros grupais, de carácter político ou mesmo económico, no que aos grandes edificios se refire. Nos máis pequenos e con altares, cabe pensar máis en edificios de culto de acceso restrinxido, que, ademais, estaban significados e diferenciados con prótomos de animais; ou practicas máis individualizadas, como a adiviñación, que explicaría a abundancia de fichas. Finalmente, os espazos baleiros da parte superior permitirían ritos abertos con máis participación, mentres que do cumio só sabemos que os depósitos rituais estaban a súa entrada, e o seu interior limpo.

Sei que pode sonar estraño, pois é a primeira vez que se propón esta interpretación para un castro, pero tamén é a primeira vez que se atopa un con estas características tan marcadas, e mesmo son máis as evidencias das que podemos expor aquí, sen esquecer o posición fronteiriza, ó tempo que liminal do monte. Como tampouco debemos esquecer que a coincidencia formal das arquitecturas cultuais coas domésticas é un dos problemas cos que se atopa a identificación das mesmas na Idade do Ferro europea -lembremos o caso dos templos circulares de Maiden Castle.

Fai referencia a que este castro ten un claro sentido como santuario. Foi así desde o comezo? Fai tamén referencia a que hai un sentido arquitectónico claro, ascensional. Implica isto unha organización social piramidal que direcciona o sentido da construción?

Posibelmente fose así, pois as evidencias que corresponden á primeira fase do castro semellan coincidir coa que nos estudamos. As formas dos edificios redundan nas grandes dimensións e formas atípicas, xa vimos que algúns son reaproveitados, e mesmo o depósito dos puñais resposta a unha amortización do edificio que os acolle na transición entre as dúas fases, polo que proba que esa función ritual preexiste na primeira delas. A diferencia entre ambos momentos está fundamentalmente na entidade das construcións e especialmente das murallas, na antiga adáptase ó monte, mentres que a segunda transfórmao e o monumentaliza.

No que respecta o ascensional referímonos a unha gradación funcional, pero de significado tamén cultural. Trátase dun escalonamento na entidade e significados dos ritos, dende o exterior profano até o cume sacro, que podería conter tamén implicacións sociais, referindo unha estrutura organizativa máis desenvolvida e marcada, pois existe unha clara planificación das construcións e da súa disposición. Non hai que confundir, sen embargo, a mellor calidade dos edificios preto da cume cun posíbel significado social destes, entendidos coma vivendas, dado que estaban na parte menos habitábel do monte.

Subscríbete

As subscritoras e subscritores recibirán as entregas do coleccionábel, de terzas a sextas feiras, cada día con Nós Diario, ben en papel ben para a lectura na nube, en función da modalidade elixida. Se non es asinante, podes sumarte en nosdiario.gal, ou ben podes reservar o diario en papel nos quioscos.

Comentarios