Xosé Reza, Arraiano Maior 2016

O escritor e experto en medio ambiente, Xosé Benito Reza, recolle hoxe sábado en Bande o Premio Arraiano Maior 2016, “polo seu traballo na defensa da natureza, da cultura e da identidade da Raia” da man de Xosé Luís Méndez Ferrín.

reza-ferrin
photo_camera Xosé Benito Reza con Xosé Luís Méndez Ferrín [Caderno Arraiano]

O acto de entrega é hoxe sábado, 20 de agosto, ás 20 horas, no Centro de Interpretación de Aquis Querquernis, en Porto Quintela (Bande). Antes da entrega Xosé Luís Méndez Ferrín vai facer unha semblanza de Reza e Isaac Alonso Estraviz vaille facer entrega da Aguillada Arraiana, que cada ano pasa de man en man, dende o ano 2009, en que Ferrín foi nomeado Arraiano Maior. Entre os distinguidos con este recoñecemento en edicións anteiores están Bento da Cruz, Antonio Lourenzo Fontes, Neira Vilas ou Isaac Alonso Estraviz. 

Reza foi elixido Arraiano Maior por unanimidade nunha curiosa acta que fai un repaso pola vida do recoñecido: “E así foise facendo un dos máis grandes defensores da identidade arraiana, da natureza, da paisaxe e da cultura da nosa terra, camiñando sempre, consciente de que andando xurden as boas ideas”. 

Xosé Benito Reza (Celanova, 1956) é enxeñeiro de Montes e experto en medio ambiente, especialmente nas áreas de natureza, biodiversidade, espazos protexidos e paisaxe. Foi director xeral de Conservación da Natureza durante o bipartito e director dos Parques Naturais “Baixa Limia-Serra do Xurés” e Invernadoiro. 

Publicou ‘Memorias do Pedal - O camiño portugués a Santiago’, ‘Celanova e o vento’, con Xosé Luis Méndez Ferrín e unha biografía de Curros Enríquez e outra de Arturo Noguerol Buján, entre outros. 

‘Cesteando’

Logo do nomeamento do Arraiano Maior, os asistentes poderán gozar da estrea do documental ‘Cesteando,’ de Plácido Romero, un acto no que van estar presentes o protagonista e o director deste filme, para rematar cun debate arredor desta orixinal reflexión contemporánea sobre a cultura tradicional, o amor á terra e a liberdade persoal.   

Cesteando. O silencio do val from Arraianos Producions on Vimeo.

Comentarios