Xosé Neira Vilas, Premio da Cultura Galega en Letras

Os Premios da Cultura Galega recoñecen a Xosé Neira Vilas na categoría de Letras. Cándido Pazó en Artes Escénicas, o Festival de Ortigueira en música, a AGAPI en audiovisual ou  David Mackenzie en lingua foron outros dos galardoados. 

Xosé Neira Vilas asinando a súa obra na Feira do Libro da Coruña en 2009
photo_camera Xosé Neira Vilas asinando a súa obra na Feira do Libro da Coruña en 2009

Como “un dos narradores que mellor describiu a dureza da vida campesiña e o sentimento de desarraigo do emigrante galego” define o xurado dos Premios da Cultura Galega, outorgados pola Xunta de Galiza, ao escritor Xosé Neira Vilas ao outorgarlle o galardón na categoría de letras. 

Os Premios da Cultura Galega recoñecen tamén a Cándido Pazó no apartado de Artes Escénicas e ao profesor David Mackenzie en Lingua. Na categoría de Música o xurado opta polo Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira e pola Asociación Galega de Produtoras Independentes en audiovisual. Como mellor labor en Patrimonio Cultural, o premio anual da Xunta irá para o Grupo Marcelo Macías mentres ao Centro Pen Galicia valóranlle o seu traballo na Promoción Exterior da Cultura Galega.

Sen "nacionais" nin cartos

Antes do fin de ano terá lugar o acto de entrega dos galardóns que consisten nunha obra de Antón Pulido, artista e ex-director xeral de Cultura con Fraga e tamén ex-director do CGAC. A Consellaría de Cultura do goberno bipartito creara os Premios Nacionais da Cultura Galega que, posteriormente, o goberno de Feijóo converteu en Premios da Cultura quitándolle tamén a contía económica. 

Comentarios