Xosé Monteagudo: "Estou convencido de que o que describo na novela existirá nun futuro próximo"

Como podemos deixar para o futuro a memoria do que fomos? Unha posíbel resposta é a que introduce Xosé Monteagudo na súa última novela Eternity, gañadora do Premio de Narrativa Breve Repsol 2021 e publicada pola Editorial Galaxia. O seu autor conversa con Nós Diario sobre os elementos protagonistas dunha trama que fala, tamén, de precariedade laboral.  
Xosé Monteagudo (Foto: Emilio Campos Ameijeiras).
photo_camera Xosé Monteagudo (Foto: Emilio Campos Ameijeiras).

Vivimos un tempo en que se lle dá máis importancia á recuperación da memoria? 

Hai dous tipos de memoria: a memoria persoal e a memoria social ou colectiva. A memoria persoal sempre foi algo importante. Cada persoa trata de deixar unha imaxe de si mesma, do seu paso pola terra, que transcenda a súa vida unha vez que desaparece a persoa. Eu creo que todo o mundo temos ese certo desexo ou afán de deixar unha pegada. A memoria social é distinta. Faise con actos que teñen unha relevancia máis social, máis pública. É importante noutros aspectos que teñen máis que ver co devir histórico e coa política.

Na proposta da súa obra intervén a situación de precariedade laboral que hai na actualidade.

A precariedade laboral é algo actual aínda que sempre existiu, non é propia destes tempos. Na historia máis recente a xente do común, as traballadoras e os traballadores sempre estiveron nunha precariedade bastante grande. A inseguridade a nivel de mercado de traballo é unha constante. Quizais visibilízase máis nestes tempos como se visibilizan moitas outras cousas que estiveran máis agochadas, ocultas ou que non se lle daba esa visibilidade pública. 

As novas tecnoloxías, tal e como figuran na novela, facilitan calquera escenario?  

A revolución dixital é algo que está espallándose a todos os eidos do ser humano e da súa actuación. Desde os máis sinxelos até  os máis transcendentes. O curioso é que nese espallamento do eido dixital o tema da morte aínda non foi tocado polo mundo das novas tecnoloxías. O que conta a novela é o intre en que ese eido, o do desexo de transcender, entra dentro da esfera dixital, da revolución dixital.

A revolución dixital é algo que está espallándose a todos os eidos do ser humano e da súa actuación

Nese sentido creo que é unha novela de anticipación. Estou convencido de que o que describo na obra, a aplicación que conto ou algunha semellante, existirá nun futuro próximo. Estou convencido de que non tardará moito en ser así.

Tamén hai interese en borrar a pegada dixital. É algo contraditorio non?

É curioso. Prodúcese unha situación moi paradoxal na actualidade. Temos as leis máis protectoras, máis restritivas da intimidade, da propia imaxe. Están aí as leis de protección de datos e tes que dar consentimento para case todo. Pola contra, a realidade é que nunca a vida das persoas estivo tan exposta á publicidade e ao coñecemento público a través das redes sociais e calquera das aplicacións de internet. Só tes que pór en calquera buscador de internet o nome dunha persoa, sexa a que sexa, e serán poucos os casos en que non haxa información desa persoa. 

Nunca a vida das persoas estivo tan exposta á publicidade e ao coñecemento público a través das redes sociais

No exemplo da novela trátase do desexo da transcendencia do ser humano, de como queremos que sexa o que quede de nós. 

Contén algunhas experiencias propias?

Toda novela é un pouco autobiográfica no sentido de que unha escritora ou un escritor sempre emprega pequenos detalles da súa experiencia, do que coñece, para encher os ocos da ficción e para ficcionalizar a realidade. O que describe a novela en si non é autobiografía, mais o que son os sentimentos, o feito de situarme na realidade leva algúns elementos da miña vida. 

Máis que nos feitos, está na actitude ou no punto de vista que un ten diante da vida e diante da realidade. Quen escribe non pode afastarse das ideas que ten para contar unha realidade diferente e do que pensa sobre determinadas situacións. Non quero dicir que sexa unha novela de tese nin que exprese as miñas ideas conscientemente mais, seguramente sen decatarme de maneira plena, si que hai unha actitude e unha visión da realidade que transcende a novela. É algo que nos sucede a todas as persoas que escribimos.  

Comentarios