Xosé Monteagudo gaña o 'XV Premio Narrativa Breve Repsol' con 'Eternity'

O autor recibirá como premio 12.000 euros, ademais da publicación da novela gañadora por parte da Editorial Galaxia.
Xose_Monteagudo_galaxia
photo_camera (Foto: Galaxia)

A obra Eternity de Xosé Monteagudo foi a gañadora na XV edición do 'Premio Narrativa Breve Repsol', un certame que recibiu un total de 36 propostas orixinais, inéditas e redactadas en lingua galega.

O fallo do xurado deuse a coñecer na sede da Real Academia Galega, coa presenza entre outros do seu presidente, Víctor Freixanes, o director da Editorial Galaxia, Francisco Castro, ou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

O autor recibirá como premio 12.000 euros, ademais da publicación da novela gañadora por parte da Editorial Galaxia.

O académico Xavier Senín, que presentou a decisión en nome do xurado, destacou que a obra de Monteagudo logra articular unha trama na que se funden a precariedade laboral, o mundo dixital e a construción da memoria.

Valentín García valorou a importancia de premios como este que "abren unha vía de colaboración" entre a entidade privada e a Xunta e dun certame que alcanza os seus 15 anos de existencia, e que se consolidou "como unha das citas literarias máis importantes da literatura na lingua propia de Galicia".

Berta Dávila e Gonzalo Hermo foron algúns dos gañadores deste premio nas últimas ecicións.

Xosé Monteagudo (Moraña, 1965), licenciado en Dereito, comezou a súa traxectoria literaria ao obter o accésit no premio Modesto R. Figueiredo do ano 2001 co relato O engado do triángulo. A súa primeira novela, As voces da noticia, resultou gañadora do Premio Blanco Amor no ano 2002; nela, o autor sérvese de transcricións de fitas magnetofónicas, correos electrónicos, entrevistas e mesmo actas xudiciais para tecer unha narración na que as voces dos protagonistas reflicten cadansúa percepción dos acontecementos.

En 2006 publica tamén en Galaxia a súa segunda novela, titulada Esta historia, na que reconstrúe unha biografía xuvenil a partir das lembranzas universitarias. É colaborador asiduo de Grial, revista na que realiza crítica literaria. En 2009 recibiu o Premio García Barros pola novela Un tipo listo.

Comentarios