martes 11/05/21

Xosé Manuel Calviño, A Xanela Editorial: "Non esqueceremos nunca un feito que nos emociona, algo que só lemos, igual si"

A Xanela Editorial está dirixida por Xosé Manuel Calviño, aquí coa súa ultima obra.
A Xanela Editorial está dirixida por Xosé Manuel Calviño, aquí coa súa ultima obra.

No debate sobre o futuro do libro non todas as propostas pasan pola aposta dixital. A Xanela Editorial é un deses proxectos moi persoais, en galego, que procuran emocionar e ir máis alá do formato tradicional. Presentacións coidadas, edicións limitadas, participación de artistas e a posibilidade de entrar na mensaxe que transmiten as obras a través de exposicións itinerantes forman parte do sinal de identidade. Como temática sempre está presente a igualdade e o recoñecemento ás mulleres do noso país desde a historia até a actualidade.        

Crear unha editorial nos tempos que corren é unha actividade de risco?

Non temos máis que ver as editoriais que fecharon nos últimos anos ou as poucas que abriron. Pódese dicir que é unha actividade de risco. Eu máis que editor son vendedor de libros. Levo trinta anos neste mundo. Aínda que fago de editor a miña editorial é, posibelmente, a máis pequena do mundo. Iso si, con ilusión por facer cousas. A Xanela Editorial nace por un lado pola necesidade dun comerciante de vender un produto no que crea. Sempre estiven moi identificado en axudar a crear identidade e tiña ilusión por facer cousas nas que crer. Co tempo quedei só e as compañeiras e compañeiros cos que traballaba deixárono. Era o momento e en 2015 decidín pór en práctica esa idea.  

Dúas obras editadas en catro anos. Máis que libros, son proxectos colectivos?

O resultado foi máis unha evolución de anos que unha decisión premeditada. Eu viña de comercializar libros, as típicas enciclopedias. Ese mercado foi mudando ao entrar a etapa dixital. Nós fomos cambiando de maneira inconsciente cara a un mundo editorial que nos gustaba moito máis: o da arte. Hai uns quince anos traballabamos obras facsímiles de libros históricos especiais. Desa experiencia xurdiu a tolería de facer libros con artistas galegas que levaran obras orixinais.  

Na temática que escollín tivo que ver moito as vivencias coa miña avoa 

Na temática que escollín tivo que ver moito as vivencias coa miña avoa e ter sempre moita sensibilidade cara ao feminismo. Por ese motivo abrimos co libro Elas, de Aurora Marco, onde demos a coñecer máis de 400 biografías de mulleres galegas esquecidas a pesar de teren feito cousas impresionantes. Traballaron nel oito pintoras galegas con 38 cadros dos que 16 deles foron serigrafiados, numerados e autenticados.

Queremos que a obra se vexa e transmitir a mensaxe dos nosos libros. Por este motivo, unha parte importante de cada proxecto é a vertente expositiva de todas estas obras. Tivemos a sorte de contar estes anos coa colaboración de concellos e deputacións para poder achegar as obras de maneira gratuíta a toda Galiza. Agora mesmo estamos difundindo a segunda obra, Sempre Marzo, con poemas manuscritos de doce das nosas mellores poetas e coa coordinación de Yolanda Castaño. 

Con ‘Sempre Marzo’ confírmase que as mulleres son o fundamento do proxecto? 

Si, era como unha necesidade persoal. Penso que somos machistas mesmo os que consideramos que non o somos. Toda unha contradición, non? Os que coidamos que somos sensíbeis coa igualdade, como no meu caso, decátome aínda de que teño trazos machistas. Vimos dunha sociedade patriarcal e todos nós fomos criados dunha maneira que por sorte está a mudar, mais segue a faltar moito. Tiña ganas de facer libros que axudasen neste sentido a sensibilizar.

E si, Sempre Marzo é un berro pola igualdade. Unha continuidade da primeira parte que foi Elas, que daba a coñecer o que fixeron as mulleres cando todo lles estaba prohibido, mesmo crear empresas cando nin podían ter unha conta no banco. Ese berro pola igualdade de xénero facémolo da maneira que consideramos máis amábel. Son un namorado da arte, das artistas sexa no campo da pintura ou da música, mais neste caso das poetas, que son as artistas da palabra. Teñen a grandeza de coller o feito máis noxento e transmitilo con beleza.  Non esqueceremos nunca un feito que nos emociona, en cambio, algo que só lemos, igual si. 

comentarios