Xose M. Sánchez Rei: "Seivane podía limitarse a reproducir instrumentos, pero optou por innovar"

Un encargo foi o punto de saída de Xosé Seivane. A gaita con maiúscula, o libro de Xosé Manuel Sánchez Rei que viu a luz en maio da man de Editorial Canela. Un percorrido pola vida do músico e artesán que reuniu nun único espazo tradición e innovación. E puxo nome a un legado que continúa vivo. 
Xosé Manuel Sánchez Rei, docente da UDC, escritor e gaiteiro (Imaxe: José Salgado).
photo_camera Xosé Manuel Sánchez Rei, docente da UDC, escritor e gaiteiro (Imaxe: José Salgado).

—Que aprendeu Xosé Seivane Rivas na casa que lle fixera decantarse polo oficio de construtor de gaitas?
Vouche contar unha anécdota. Cando era pequeno, Seivane foi con seus pais, Francisco e Estrela, a unha festa en Meira. Desapareceu entre a xente, súa nai non o atopaba e estaba moi preocupada. Francisco díxolle "seguro que está ao pé do gaiteiro", e alí o atoparon, fascinado cun gaiteiro moi famoso da comarca, do que logo aprendeu melodías. Súa nai, Estrela, tiña un ouvido moi fino e cantáballe melodías antigas dos anos vinte do século vinte. Melodías seguramente anteriores que el trataba de reproducir coa súa gaita e que despois el transmitiu.

Seus pais mercáronlle unha gaita vendo a súa afección e Seivane convenceu un ferreiro para facerlle uns escariadores, pezas imprescindíbeis para fabricar o instrumento, coas que a desmontou e estudou. Despois faría a súa primeira gaita. No servizo militar o capitán do rexemento díxolle que estaba moi ben afinada e pediulle máis. Logo da 'mili', Seivane retomou o tema. 

—Botou a andar o obradoiro en plena fuerra civil española, semella unha idea algo aloucada.
Cando volve de facer o servizo militar vai tendo xa certa sona, inicialmente na zona máis próxima. Hai gaiteiros que van onde el porque precisan que lles arranxe unha peza da gaita, un fol ou así. El é habilidoso, non só coas gaitas. Arranxaba paraugas, culatas para as escopetas. Era moi versátil nos labores manuais.

—Logo de casar con Fuencisla, trasládase a Ribeira de Piquín. 
Alí tamén desenvolve o seu oficio, que combina co de barbeiro. Continúa facendo gaitas, monta grupos coma os Amigos e mais Os Airiños da Ribeira. Con ese grupo foi co que conseguiu máis fama como gaiteiro. El tamén tocaba o clarinete e en moitos casos adaptaba o clarinete á gaita. Era moi habilidoso e moi versátil, coller un instrumento estandarizado coma o clarinete e adaptalo para un instrumento como a gaita naquela época ten un gran mérito. 

—Tivo que acumular un bo feixe de anécdotas nos primeiros anos do obradoiro. 
Unha das máis comentadas é como se chegaba até alí. Unha estrada vella, con moitas curvas, que impón moito respecto. E unha vez que alguén chegaba canda Seivane tiña que tocar unha melodía, unha peza para deleitalo. Era habitual chegar pola mañá e que houbese un gaiteiro de Vigo que pedira un fol, outro doutra zona que quería arranxar un punteiro e outro a palleta. Era como un centro de encontro para moitos gaiteiros da época. Naquel momento funcionaba o teléfono, como se conseguiu que chegase ao obradoiro é outra historia en si mesma, pero moitas encargas chegaban directamente por carta.

—Xosé Seivane bebe da tradición, mais fica claro que non tivo medo a innovar. Que papel xogaron os músicos-clientes nas súas investigacións?
Seivane sempre tivo un ouvido atento ao que lle pedían os gaiteiros. Ía un gaiteiro ou gaiteira e dicía "esta gaita afina moi ben, pero quero que afine coa técnica aberta e mais coa fechada". El investigaba durante meses como ter un punteiro que afinase coa técnica moderna e coa antiga. A evolución da gaita foise marcando polas relacións entre gaiteiros e gaiteiras e artesáns. Ese foi outro dos méritos que ten como artesán, Seivane sempre estivo investigando para conseguir máis posibilidades do instrumento.

—E os fillos, como chegan a axudar o pai?
Desde pequenos mamaron aquilo, no libro digo que eles naceron cun punteiro debaixo do brazo. Despois de xubilado, Seivane marcha a Cambre cos seus fillos  Xosé e Álvaro, chegado de Barcelona. Alí unifican obradoiros.  E é un punto interesante, como unha persoa de maneira autodidacta comeza a facer unha gaita en plena guerra vivil, e isto dá nun dos obradoiros de gaita máis recoñecidos do mundo.

—Cal era a súa concepción do instrumento e mais da música tradicional?
Seivane podía limitarse a reproducir instrumentos, pero optou por innovar constantemente. Para el a gaita era o instrumento nacional da Galiza. Sen nunca perder de vista o pasado, el foi capaz de facer que evolucionase a mellor. Polo que teño escoitado del, sempre dixo que había que dignificar a música tradicional galega, poñéndoa á altura correspondente aos seus músicos e músicas. Hoxe escoitamos unha gaita nunha romaría, nunha feira, nunha alborada, pero tamén nun escenario cunha orquestra sinfónica de fondo. E iso é tamén grazas a Seivane. 

Dignificar a gaita tras a ditadura franquista

"Gustaríame destacar como grazas a Seivane se dignifica a figura do gaiteiro. No século XIX era unha figura ilustre, lemos a Rosalía falando do gaiteiro que entra pola vila. Era unha figura respectada tamén antes da guerra, nos anos 20 e 30. O gaiteiro era moi importante na vida cultural e social do país. Era o que había en moitos sitios. Nas vilas e aldeas era unha figura fundamental. A partir da guerra trónzase esa imaxe e referencia. Pasa a ser unha figura militarizada, ridiculizada tamén".

"É no remate da ditadura e no comezo da monarquía parlamentar cando se revitaliza de novo a figura do gaiteiro. E Seivane tivo unha repercusión moi notoria nesa dignificación. Ademais, el tamén foi transmisor. No libro aparecen máis de corenta melodías compostas ou transmitidas por Seivane. Grazas a Daniel Bellón e Pedro Lamas, hoxe contamos con ela, eles fixeron a transcrición". 

Comentarios