BASEARASE NUN GUIóN DE MANUEL MARíA

Xosé Luís Ledo rodará un filme sobre os Mártires de Carral

O filme de ficción, que será realizado por Nós Produtora Cinematográfica, estará baseado nun guión de Manuel María titulado “Abril de lume e ferro”. 

Socias ano 2000
photo_camera Socios/as da produtora Nós (Xosé Luís Ledo, de pé)

Nós Produtora Cinematográfica Galega vén de anunciar que levará ao cinema o guión de Manuel María que gañara o primeiro premio dun concurso de guións de ficción que convocara a antiga produtora Nós, que fora fundada en 1976 por Carlos Varela Veiga. 

Aquel guión foi reconvertido anos máis tarde polo poeta chairego nun texto dramático, que foi publicado en 1989 polo Concello de Carral e representado en moitas ocasións. Na nota do autor, Manuel María di: “A obra unicamente intenta dar unha visión, galega e obxectiva, de como aconteceron os sucesos de abril de 1846, unha das datas-chave da nosa Historia”. 

Este ano, no que se cumpren 15 anos da creación da actual produtora Nós e 40 anos da histórica, Xosé Luís Ledo decidiu poñer a andar este proxecto, que aínda está en fase de preprodución e procura de financiamento. “Agora mesmo estou a facer a adaptación do guión, e espero que o ano que vén poidamos xa comezar a gravar”, cóntanos Ledo, que xa dirixiu filmes documentais como 'Bestas' (2000) ou 'Inmigrantes no país da emigración' (2009). 

O proxecto levará ao cinema os feitos acontecidos naquel abril de 1846 no que se “proclamou en certa forma a independencia de Galiza: os mártires de Carral, a sublevación, as batallas de Cacheiras e o fusilamento dos sublevados”. 

Trátase dun proxecto ambicioso e tamén custoso, por ser un filme de época, aínda que desde a produtora afirman que será “de baixo presuposto, sen superar o millón de euros”.

Comentarios