Xosé Lois Romero publica o seu novo proxecto de percusión, 'Aliboria'

Maio está a ser prolífico en novos traballos discográficos: Sonia Lebedynski, Fernando Barroso, Caxade, Xoán Curiel... e o 27 de maio estará na rúa o novo proxecto de Xosé Lois Romero: Aliboria, que “busca unha revolución para a percusión tradicional”.

XOSE LOIS ROMERO E ALIBORIA (1)
photo_camera Xosé Lois Romero e Aliboria nos últimos Premios Opinión de Música de Raíz

A banda Xosé Lois Romero e Aliboria lanzará o próximo 27 de maio o seu primeiro disco. O álbum, que se presenta levando por título o nome do propio grupo (Xosé Lois Romero e Aliboria) achega un feixe de cantos tradicionais pasados polo filtro desta nova formación que pretende provocar unha revolución no eido da percusión tradicional, dotándoa así dunha anovadora linguaxe e achegando novas fórmulas sonoras a un amplo conxunto de instrumentos que se poden escoitar no disco. “Todos os instrumentos da música galega, comezando pola gaita, viviron unha incuestionable evolución, agás a percusión tradicional. Pretendemos que neste disco se amose un proxecto evolutivo que poida ser un revulsivo no ámbito musical”, sinala Xosé Lois Romero, músico e compositor coñecido por formar parte de grupos como Vaamonde, Lamas & Romero, Nova Galega de Danza ou aCadaCanto, xunto a Guadi Galego, Xabier Díaz e Guillerme Fernández. 

O percusionista Xosé Lois Romero leva anos mergullado no proxecto Aliboria xunto a un grupo de 10 músicos xa consolidados no eido do folclore que atoparon en Romero novos camiños para seguir traballando, e que, tras anos de formación, dan un paso adiante para se converteren en compañeiros de grupo. Así, Alejandra Montero, María Montero, Andrea Montero, Mariana Montero, Cristina Sánchez, Ramón Dopico, Antonio Prado, Jorge García e Cristina Pico conforman Aliboria. Todos eles, na gravación do disco, mesturan a forza dos cantos enxebres con arranxos actuais que combinan instrumentos como as latas, tixolas, sachos, tarrañolas, tambores, pandeiras ou bombos. 

E son só unha mostra da ampla instrumentación que se pode escoitar neste Xosé Lois Romero e Aliboria, álbum que achega unha rápida radiografía do amplo abano de posibilidades instrumentais que se dá no ámbito da percusión. “A percusión en Galiza é a máis rica de Europa. No país contamos cunha chea de instrumentos de percusión que están vivos, que se escoitan, que se usan e non hai que ir buscalos ao Museo do Pobo Galego”, sinala Romero sobre un corpo instrumental que se reinventa neste primeiro traballo discográfico da banda. 

Aliboria

Aliboria naceu no seo das aulas de percusión que imparte Xosé Lois Romero. A banda colle o seu nome dun termo galego que fai referencia á extravangancia e á excentricidade, a todo aquilo que sae do común e que busca novas e inexploradas vías para se manifestar. E eses son, precisamente, os obxectivos cos que bota a andar a formación Xosé Lois Romero e Aliboria: explorar novas vías creativas, novos camiños para unha manifestación cultural tan ampla e viva como é a percusión no mundo da música tradicional. 

Comentarios