Xosé Constenla: "É a primeira achega que fago á narrativa, coa sensación de ter traspasado unha liña"

Xosé Constenla conta cunha ampla traxectoria musical. Xeógrafo de profesión e con varios ensaios publicados, dá agora o salto á narrativa coa obra O pesadelo de Punta Falcoeiro.
xoseconstenla
photo_camera Xosé Constenla.

Como xorde a obra?

O proceso literario e de escritura fíxeno durante o primeiro confinamento, no 2020. Tivemos un pouco máis de tempo de recollemento e dalgunha maneira aflorou unha temática e unha cuestión que sempre foi un dilema moral.

Sobre que versa?

Trata sobre que faría unha persoa que se atopa un fardo de droga nunha praia, nuns cantís ou frotando no medio da ría. Ao protagonista preséntanselle tres opcións: chamar ás autoridades, que é a máis legar e a máis responsable; outra sería pasar del, abandonalo nese mesmo lugar; e a derradeira ten con ese dilema que temos os humanos sobre a nosa propia cobiza por sacar un beneficio das cousas. É dicir, levalo e logo xestionalo para sacarlle unha rendibilidade. Diante desta cuestión, o protagonista escolle e despois ten que xestionala. Non é unha persoa que estea inserida nese mundo nin neses circuítos, entón resúltalle complexo atopar unha saída. Logo, as lectoras e lectores terán que comprobar as decisións que vai tomando, os xiros da historia... Serve para ver as consecuencias das nosas decisións e que somos protagonistas delas, da nosas escollas e da nosa vida.

Trátase dun relato ficticio, non?

Si, é totalmente ficticio. Está ambientado no microcosmos das Rías Baixas, onde sempre houbo unha mística ou unha especie de relato sobre un suposto crecemento económico vinculado ao transporte de droga. É unha maraña complexa, máis ben endémica, onde se mesturan os sectores inmobiliario, dos transportes, do mar... Todo ese complexo está recollido dalgunha forma no libro. Aparece unha personaxe que poderiamos definir como o antiheroe galego, xa que a simple vista semella unha persoa normal que mesmo podería agochar algo tétrico. En realidade, é simplemente unha persoa á cal a vida lle foi dando paus e que ten un déficit de educación emocional, cultural... Ao longo do relato, a lectora ou lector vai comprobar todos eses déficits non son tal, senón que o propio protagonista vai salvando situacións grazas ao seu enxeño e ás súas capacidades.

Que fondo se pode agochar nel?

Poñer en claro certas situacións que acontecen na nosa sociedade relacionadas coa cuestión do tráfico de drogas. É unha situación non resolta. Cada lectora e lector ten que interpretalo. Hai un fondo basicamente de que existe unha realidade que temos que enfrontar e que cada un de nós ten que tomar as decisións que considere máis oportunas, sendo consciente das consecuencias. Deixo a dúbida de se ao protagonista lle foi ben ou mal, iso é o que hai que descubrir.

Esta é a súa primeira incursión na narrativa. Como foi o proceso de escrita?

Con moito respecto. É unha modalidade coa que non estou familiarizada, aínda que son lector de novela. Si é certo que desde sempre escribín pequenos relatos, de feito no meu último disco vai acompañado dun pequeno libro. Como relato, é a primeira achega que fago á narrativa, coa sensación de ter traspasado unha liña para que un nunca sabe se está preparado.

Na narrativa hai outras licenzas. De feito, neste relato, a lectora ou lector pode comprobar que, en ocasións, se perde o fío da historia principal, posto que aparecen relatos secundario. Á hora de redactar e de escribir foi un proceso bastante autodidacta. Fixen unha gravación de voz coa estrutura central do relato. A partir de aí, elaborei unha serie de esquemas mentres ía transcribindo esa narración oral, por capítulos e con distintas posibilidades, escollendo despois a que me parecía máis interesante.

No eido musical, ten algúns plans para o futuro?

Eu sigo tentando crear, facendo as miñas achegas. De feito, xa teño unha colección de cancións para gravar neste 2022. O seguinte é poder facer as presentacións da novela polo país e que poidan culminar cun pequeno recital de tres ou catro pezas do último disco.

Comentarios