Tímpanos Medievais da Galiza

Xosé Antón García: “En Carboeiro o espolio moral continúa nos nosos tempos, cando o templo se usa como cenáculo de rave en vídeos de youtube”

Xosé Antón García é licenciado en Xeografía. Preparou, en colaboración con Félix Longueira varios fascículos do coleccionable Tímpanos Medievais da Galiza. Falamos con el sobre San Lourenzo de Carboeiro, San Xoán da Cova e Santiago de Requeixo.

 

Xosé A. García
photo_camera Xosé A. García

Comezamos por esta última igrexa e o seu curioso tímpano. Quen son esas tres figuras que aparecen nel?

Pois hai opinións contrapostas. Se o pensas ben, xa que a igrexa está no camiño de Inverno cara a Compostela, a lóxica indícanos que debe ser unha iconografía xacobea, con Santiago pelegrín acompañado dos seus discípulos Atanasio e Teodoro. Pero eu case me inclino máis pola interpretación que deriva do singular tímpano de Santa María das Fragas, en Campo Lameiro. Alí había un bispo con hisopo ao final da misa da consagración da igrexa, segundo o profesor Castiñeiras. Aquí, probablemente sexa o cura da parroquia o que indica a saída pola porta principal, ao final de calquera acto relixioso ou do propio acto de consagración da igrexa. Como as imaxes semellan ancestrais e están pouco definidas, o maxín tamén nos permite xogar co noso propio xeito de ver.

Requeixo é un bon exemplo de aproveitamento de elementos construtivos. Xa vimos algo parecido en Ribas de Sil, mais neste caso o tímpano da fachada principal acaba ... na parede da sacristía!

Quen o diría? Non semella moi lóxico que acabase tan baixo e lateralizado, pero é o que hai. Da igrexa primixenia só quedan elementos da cabeceira, hai pinturas do XVI en estado de necesaria restauración; o resto son engadidos do XVIII, época de restauración e reedificación de moitos templos rurais. O feito de conservar o tímpano occidental orixinal, aínda nun lugar impropio, indica que a decisión é por motivos de valoración ou afecto pola obra. Non semella que o mestre que a esculpiu fose o de maiores coñecementos que traballou en Requeixo; velaí están os canzorros da cabeceira para documentar que algún outro de mellores dotes pasou por estes pagos. Pero de seguro que se valorou a súa singularidade.

En determinada altura do traballo vostedes afirman que "é maior a representación de Santiago no camiño de inverno" Que explicación pode haber para iso?

Non necesariamente nesta variante do Camiño de Santiago hai máis representacións do apóstolo do que noutras vías cara a Compostela. Porén, Aida Menéndez fai unha recompilación de figuras diversas, moitas delas en retablos e de época posterior á medieval, nas igrexas do Camiño de Inverno. É a referencia que indicamos para tentar explicar a hipótese de que sexan Xacobe e os seus discípulos os que están representados. Hai máis de 1200 templos dedicados á advocación de Santiago en España, e deles máis da cuarta parte están na nosa terra. Polo tanto, representacións do apóstolo hai ben delas.

Segundo indican no seu traballo tanto Requeixo como A Cova son exemplo de igrexas privadas e iso estaría reflectido na correspondente iconografía. Pode explicar que é iso de "igrexa privada "

É moi posible que esta condición sexa a axeitada para San Xoán da Cova, xa que o seu tímpano ten unha inscrición que amosa que un tal Petrus Garsie ordenou esta construción a título particular, para beneficio da súa proxenie. De seguro que existiron ben delas naqueles tempos escuros en que a xente pudente tiña que loitar por gañar a vida ultraterrena, mais non é habitual que teñan inscricións tan singulares como esta, que ata chamou a atención do historiador norteamericano James d’Emilio. Unha igrexa privada é unha fundación particular, e… quen non quere deixar lembranza súa para a posteridade? Nos nosos tempos, ademais de filántropos, tamén hai xente que quere figurar nas placas de doazóns de museos. Igual non é só por altruísmo.

Fálenos da calidade artística de Carboeiro. Vostedes din, en concreto sobre as portas sur e oeste, que a súa calidade é tal que "merecen figurar entre o máis requintado da arte europea do seu tempo"

Carboeiro é un espazo único polo seu emprazamento e polas solucións arquitectónicas adoptadas, innovadoras a finais do s. XII. A nivel escultórico bebe do marabilloso pórtico mateano de Compostela, e expresa unha riqueza de pregas e faccións propias de quen ten ben aprendido o oficio. Non por nada algunha das pezas figura hoxe exhibida nun museo de Barcelona, malia que chegase alí dun xeito un tanto irregular. E quen di que non é máis agradable ver a este Cristo xuiz que semella sorrir, ca aquel con aspecto tristeiro de San Trófimo de Arlès, co que non se xoga tanto tempo? Carboeiro é cumio da arte do seu tempo.

San Xoán da Cova exemplo do patrimonio "vítima dos encoros"...

Alterando a súa posición orixinaria, mais beneficiándose dun emprazamento ben escollido. A política hidráulica, desde os anos 30, forzou mudanzas de igrexas. Non hai máis ca lembrar o caso de S. Pedro da Nave por mor da construción do encoro de Ricobaio, e en Galiza quedaron asolagadas vilas enteiras, das que o vello Portomarín é exemplo emblemático. De seguro que as memorias asolagadas tecen mitos encantadores como o da lagoa de Antela. E entón igual poderiamos imaxinar a inscrición do tímpano, os arcosolios, mais non seriamos quen de velos unha vez tras doutra e reinterpretalos.

E Carboeiro exemplo do espolio do noso patrimonio...

Máis ca soado. Espolio e abandono. Até hai ben poucas décadas, este lugar idílico foi un tesouro vido a menos por mor dos roubos e apropiacións indebidas; pezas que acabaron de xeito espúreo en mans privadas e que noutro tempo pertenceran a un mosteiro devanceiro. Se ben foi no século XIX, cando pasou a mans privadas -de nobres e indianos, o momento de ruína máis severa. Se un propietario non se ocupa do seu mantemento, ata estraños poden vir buscar wolfram nestas terras. E o espolio moral continúa nos nosos tempos, cando o templo se usa como cenáculo de rave en videos de youtube. Igual non é o que mellor vai con estas pedras.

Comentarios