Unha xornalista sueca na Galiza dos anos 60

Tradución do libro de Christina Lilliestierna
praia de mogor marín foto coloreada - mogormarin.blogspot.com 2
photo_camera Imaxe coloreada da praia de Mogor, en Marín, anterior a 1965. Recuperouna o blog MarínMogor.

"Cara á tardiña a paisaxe cambia. As montañas achéganse. Hai bosques e árbores verdes, e regatos e ríos que corren. As casas e os lugares son máis frecuentes. Hai menos burros e máis vacas, a cor amarela queimada vírase verde fresco. Vexo riscos esgrevios, as casas son de pedra gris, baixas e vellísimas como os castiñeiros cheos de cicatrices". Por primeira vez Christina Lilliestierna vía a fin do mundo. Descríbiaa desde a xanela do tren en que, a finais dos anos 60, chegou á Galiza.

A célebre xornalista sueca cubrira as guerras anticolonias en Alxeria ou no Congo, e escribira sobre a cultura francesa para xornais do seu país como Dagens Nyheter ou o Stockholms-Tidningen. Mais estaba farta. Quería parar. "Habería que ter un curruncho en algures para poder volver, un anaco de terra de noso. Imos indo vellos, fainos falla un lugar onde botar raíces. Unha casiña...", falaba co seu home, o enxeñeiro francés Jean Novial. Un dedo ao chou sobre o mapa de Europa levounos, canda o seu fillo Alarik, ao finisterrae ibérico. Lilliestierna, que nacera en Gotemburgo en 1923 morreu 77 anos despois en Marín, no Morrazo.

Crónica dos días

Vivir na fin do mundo é o libro en que a xornalista relatou a súa inmersión na Galiza. Publicado en sueco en 1969, a editorial Rinoceronte vén de publicalo en galego por segunda vez. Fixérao Xerais en 1983, mais a edición esgotouse e nunca volvera ás librarías. Marta Dahlgren e Camiño Noia encargáronse das dúas versións. Dahlgren, profesora na Universidade de Vigo, coñecera a autora nunha festa no consulado sueco de Vigo. "Marta propúxome traducir a obra. Ela pasaríaa ao castelán e eu ao galego", recorda Noia para Nós Diario. O interese de Rinoceronte por rescatar esta crónica dos días fixo que as tradutoras retornasen ao orixinal e desen ao prelo "case unha retradución".

"Descubrín un novo libro", esténdese Noia, "non é unha escrita de viaxe, de alguén que vai a un lugar, observa a situación e coméntaa. É a escrita de alguén que se quere integrar, de alguén que precisa raíces". Lilliestierna e a súa familia mercaran un pazo en Marín, o pazo de Cadro, practicamente en ruínas e até o intre propiedade do concello. "Lembro visitar aquela casa nos 80. Estaba restaurada como no século XV. O seu marido traballaba no petróleo en Irán e traía obxectos de Oriente. Era incríbel", di a tradutora. Os dous primeiros capítulos de Vivir na fin do mundo relatan, con humor e asombro, a busca do inmóbel e as dificultades para reformalo en prazo. Os operarios galegos non entendían o rexeitamento da "tola sueca" polas cousas novas. "Nin sequera puxo calefacción.  Ela e o home estaban sempre a carón dunha cheminea enorme, agarrados a dous cans", conta Camiño Noia.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube 

Comentarios