O xornal da emigración anarquista galega, 'Cultura proletaria', regresa de Nova York

O Consello da Cultura Galega fornece os diarios desde o Arquivo da Emigración Galega. A colección foi recuperada por un grupo de traballo dixirido polo profesor Bieito Alonso.
Cabeceira do xornal anarquista. (Foto: CCG) #culturaproletaria #xornal #anarquismo #emigración
photo_camera Cabeceira do xornal anarquista. (Foto: CCG)

O Arquivo da Emigración Galega (AEG), que depende do Consello da Cultura Galega (CCG), vén de incorporar á súa colección 347 números do xornal anarquista Cultura Proletaria, que editaban emigrantes galegos en Nova York entre os anos 1927 e 1953.

A hemeroteca dispón deste conxunto de diarios dixitalizados polo que a xente interesada pode coñecer en calquera momento como pensaban e como se manifestaban os colaboradores e xornalistas galegos de ideoloxía anarquista nos Estados Unidos de América. 

Esta lembranza dunha parte da Galiza emigrada foi localizada na The New York Public Library, no marco dun proxecto sobre os obreiros anarquistas galegos no exterior, dirixido polo profesor Bieito Alonso.

De feito, segundo asegura o CCG, Cultura Proletaria. Periódico de Ideas, Doctrina y Combate foi un dos xornais anarquistas que tivo unha maior difusión na súa época.

“Comezou a editarse en marzo de 1927, tras o traslado da publicación Cultura Obrera a Detroit e mantívose operativo até 1953”, indican.

Xa desde o seu primeiro número, deixa claro o obxectivo de defender os dereitos dos e das traballadoras desde “os ideais libertarios e anarquistas, que nunca deixarán de lado durante toda a súa longa traxectoria, algo pouco habitual nos xornais desta ideoloxía”.

A publicación foi creada para dirixirse a todas e todos os operarios de orixe hispana que residían nos EUA e a partir de 1930 foi un medio de comunicación para dar voz á Federación de Grupos Anarquistas de Lengua Castellana do país. 

Desta forma, foi a continuación natural do desaparecido Cultura Obrera, chegando a ser “un dos xornais anarquistas máis influentes en castelán neses anos e contou con colaboradores e xornalistas galegos”.

Comentarios