O festival Peregrinos Musicais saca a música clásica ás rúas de Santiago

A xornada de Música nos Balcóns permitirá que novos talentos internacionais ofrezan a súa obra desde edificios emblemáticos do casco histórico. Esta edición contará cun programa especial en homenaxe ao compositor e pianista Sergei Rachmaninoff.
Diana Poghosyan.
photo_camera Diana Poghosyan.

Santiago converterase entre os días 29 de xuño e 14 de xullo na capital da música clásica da man do XIII Festival Peregrinos Musicais, que conta con grandes novidades. A principal será a celebración dunha xornada de música clásica a pé de rúa, que estará protagonizada polos sete novos talentos internacionais galardoados no certame vencellado a esta cita. 

O festival comprenderá un total de sete xornadas musicais, con entrada de balde, protagonizadas tanto por novos talentos como por artistas consagrados de carácter internacional. 

Os concertos desenvolveranse no Teatro Principal, no Auditorio de Galiza (coa Real Filharmonía), no Hostal dos Reis Católicos e no Pazo da Peregrina de Ames. O acceso a todos os concertos será libre e gratuíto. 

 

A décimo terceira edición de Peregrinos Musicais achegará a música clásica á cidadanía, e unha das grandes sorpresas da edición deste  ano será a celebración da xornada Música nos Balcóns, o 7 de xullo pola tarde. Esta actividade permitirá que sete  novos talentos internacionais ofrezan a súa obra desde catro edificios emblemáticos do casco histórico compostelán, tomando como eixo a Rúa do Vilar. 

Esta xornada estará protagonizada polos 7 galardoados do XIII Certame Internacional de Novos Talentos Peregrinos Musicales. Os seis premiados foron os pianistas Yuri Durán, Cris Bernal (Galicia) e Sofía Zhólobova (Ucraína); o fagotista Emanuel Sint (Alemaña); o clarinetista Pablo López (País Vasco) e a violinista Nerea Arriola (País Vasco). O chelista Jorge Suárez recibiu un Premio especial do xurado ao Mellor Intérprete galego.

 

Homenaxe a Rachmaninoff 

A homenaxe que Peregrinos Musicais realizará a Sergei Rachmaninoff verase reflectida nas pezas musicais que se interpretarán durante todo o festival. Así, o programa comezará o día 29 de xuño cunha obra creada polo recoñecido compositor na honra de Tchaikovski. 

Ademais dos novos talentos, a cita contará coa participación de consagrados artistas internacionais, que actuarán no Teatro Principal de Santiago. Estes son a violinista Diana Poghosyan (29 de xuño); Dúo Degas, composto polos pianistas Gala Chistiakova e Diego Benocci (30 de xuño); o cellista Roger Morelló Ros (13 de xullo), e o Trío Metamorphoses (14 de xullo), integrado pola pianista Ilona Timchenko, a clarinetista Jean Johnson e cellista Iván Balaguer Zarzo.    

Comentarios