Unhas xornadas examinan a xestión do patrimonio

Os retos na xestión dos bens patrimoniais para o século XXI, os usos das identidades nas paisaxes culturais ou as perspectivas sociolóxicas e educativas sobre o patrimonio son algúns dos temas que se abordarán nas palestras dun ciclo que se celebrará entre o 27 e o 29 de abril.
O dolmen de Dombate, en Cabana de Bergantiños, incorpórase este ano aos escenarios presentes en Espazos Sonoros.(Foto: Piquito)
photo_camera O dolmen de Dombate, en Cabana de Bergantiños, incorpórase este ano aos escenarios presentes en Espazos Sonoros.(Foto: Piquito)

A área de Patrimonio da Deputación da Coruña organiza entre o 27 o 29 de abril as xornadas ‘Conservar e avanzar’. Os retos na xestión dos bens patrimoniais para o século XXI, os usos das identidades nas paisaxes culturais ou as perspectivas sociolóxicas e educativas sobre o patrimonio son algúns dos temas que se abordarán nas palestras dun ciclo que se celebrará na sede coruñesa do MUNCYT, no dolmen de Dombate e no Castelo de Vimianzo. O programa das xornadas inclúe visitas guiadas a eses tres espazos.

“Estas xornadas”, explica o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, “continúan co labor de socialización dos bens patrimoniais que xestionamos, mais tamén do contexto que afecta a este tipo de recursos e da riqueza que supoñen a nivel comunitario e social”. 

O programa contará con especialistas tanto da Coruña como doutros lugares do Estado, que afondarán en diversos enfoques que terán como denominador común a incorporación das diferencias como criterio de igualdade. 

A entrada aos relatorios é libre, pero para o diploma de asistencia, que expedirá a Deputación da Coruña, cómpre inscribirse na páxina web da institución provincial. 

 


 
Políticas patrimoniais e sociedade

Diversas persoas especialistas como Yamilé Pérez Guilarte, da Universidade da Coruña; Manuel Mosquera, do Museo de Belas Artes; Leo González, técnico de proxectos Trivium; ou Cristina Castellà Figuera, do Consorci Patrimoni Mundial de La Vall de Boí; mostrarán diferentes aspectos da conservación dos bens patrimoniais a través do estudo de intervencións concretas e revisarán as políticas de conservación e difusión do patrimonio e a súa proxección na sociedade.  

Comentarios