Unhas xornadas celebran a dimensión internacional de Rosalía

Roteiros e recitais poéticos en Santiago e Padrón.
tres rosalías2

Nesta segunda feira presentouse no Museo do Pobo Galego o programa de “Rosalía en Camiño. Diálogos literarios multilingües”, unhas xornadas que promoven a dimensión internacional da cultura galega en xeral a través da figura de Rosalía de Castro e do Camiño de Santiago.

Na presentación participaron a comisaria do Xacobeo, Cecilia Pereira Marimón; o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; e a escritora e académica Chus Pato, comisaria e coordinadora das xornadas. 

Os participantes percorrerán en tres xornadas (os días 15, 16 e 17 de xullo de 2021) escenarios xacobeos e rosalianos cun grupo de poetas peninsulares ao tempo que poderán presenzar unha serie de accións poéticas multilingües.

A vida e a obra de Rosalía de Castro permite estabelecer dous grandes escenarios literarios e xacobeos intimamente relacionados: Padrón, berce do Xacobeo e da autora, e Santiago, capital do Xacobeo e da vida e da obra de Rosalía.

Nesta segunda edición a acción poética estará a cargo de oito poetas chegados desde diferentes puntos da Península, coordinados e comisariados pola escritora e académica Chus Pato: Anna Gas (Catalunya), Tere Irastortza (Euskadi), Berta Piñán (Asturies), José Rui Teixeira (Portugal) e os galegos Antón Blanco, Alba Cid, Genaro da Silva e Luz Pichel.

Ademais incluirá actuacións musicais como Secho e Berlai, que veñen de presentar novos traballos discográficos; e tamén Laura LaMontagne & Pico Amperio, que mesturan poesía e música electrónica. Ao recital de Iria tamén se incorporarán poetas locais como María Vilas, Noelia Gómez, Paula Antía Rey e Cándido Duro. 

A Fundación Rosalía de Castro vén de editar un libro coas obras e traducións que participan neste proxecto.

Comentarios