A asociación Gálix e o CCG organizan "Desfacendo a raia V"

Xornada telemática de análise e debate da situación do libro infantil e xuvenil galego

A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix) e o Consello da Cultura Galega (CCG) levaron a cabo a quinta edición das Xornadas “Desfacendo a raia”. Un evento que, ao non poder decorrer este ano de modo presencial por mor das restricións sanitarias da Covid-19, se desenvolveu integramente en liña, na canle de Youtube de Gálix.
galix
photo_camera Xosé Ballesteros falou arredor do libro informativo. (Foto: Nós Diario)

“Desfacendo a raia V” é o título da xornada convocada pola Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix) e o Consello da Cultura Galega (CCG), que tivo por obxectivo a reflexión conxunta, de persoas relatoras e participantes, arredor do diagnóstico e da intervención no relativo á difusión do libro infantil e xuvenil galego.

Con estas metas, a xornada desenvolveuse contando coa visión xeral do editor Manuel Bragado e da estudosa da literatura infantil e xuvenil Chus Fernández; e sumáronselles as olladas de tres persoas “implicadas en xéneros non representados na produción galega”, como o libro informativo, coa axuda do editor de Kalandraka Xosé Ballesteros; o teatro, na intervención do dramaturgo Cándido Pazó; e a banda deseñada, coa participación do debuxante Kiko da Silva.

A xornada, abriuse coas intervencións da presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e mais do presidente de Gálix, Xosé Antonio Perozo, que se encargou de presentar o relatorio de Manuel Bragado destacando que "o mundo editorial é e foi básico na historia da cultura galega".

Bragado realizou no seu relatorio un percorrido polas últimas décadas da edición infantil e xuvenil destacando "a época de esplendor xurdida logo da aprobación da lei de 2006, de promoción do libro e da lectura".

Mais ese esplendor non chegou aos nosos días, e na análise actual da edición infantil e xuvenil o editor destacaba que as cifras "catalás son 8 ou 9 veces máis altas que as galegas".

Cultura e sustentabilidade

“Futuros presentes: conversas sobre cultura e sustentabilidade” é o título das xornadas que se van levar a cabo desde o día 9 de febreiro até o día 12 no CCG, tamén de modo telemático. A pertinencia dun modelo cultural sustentábel vai ser o eixo dun debate para o que se conta con especialistas como Benito Burgos, xestor cultural do Ministerio de Cultura, e artistas como a música Ugia Pedreira, o ilustrador Miguel Porto ou o cineasta Óliver Laxe.

O programa dá comezo coa charla de Jaime Vindel, investigador do CSIC (Centro Superior de Investigacións Científicas), e pon o foco na sustentabilidade desde catro eidos: o económico, o social, o político e o ambiental. Cada día publicarase o relatorio en cuestión, que se poderá seguir en directo na web do CCG.

Comentarios