Xogos florais de Tui: 125 anos de reivindicación da nación galega

Foi outro 24 de Xuño. De 1891. Hai 125 anos. Eran, segundo uns, as cinco da tarde cando comezou o acto. Segundo outros eran as tres. 

pano

Foi aquel un acto claramente reivindicativo da nación galega en base á asociación de lingua e nacionalidade, como dixo Murguía no seu discurso:

"Léngoa distinta -di o aforismo político- acusa distinta nacionalidade. Digámo-l'o nós tamén, se nos compre con maor firmeza ainda, e poñamos de nós o que faga falla pra que sea para sempre esta léngoa en consonancia c'o noso espríto, e feita como ningun-ha outra, pra espresión d'un-ha literatura tan oposta ô genio d'a de Castilla como é esta que nós temos."

José Domingo Vales Vía fai unha interesante aproximación á historia, e mesmo á prehistoria, deste tipo de certames nunha publicación no Anuario Brigantino. Os primeiros xogos florais que se celebraron na Galiza foron os de 1861 na Coruña aos que seguiron outros en diferentes localidades. Eugenio Carré preséntaos, os da Coruña,  así: 

“El 2 de Julio de l861 será siempre memorable en los fastos de nuestras letras. En ese día se celebran en la Coruña, con gran solemnidad y majestuosamente, los primeros Juegos Florales, costeados por el ilustre patricio D. José Pascual López Cortón, quien llevó su generoso desprendimiento no sólo á publicar todos los trabajos laureados, en prosa y en verso, sino que al imprimirlos, lo hace también de una segunda parte, repertorio abundante, aunque no bien elegido, de variadas composiciones y antología de casi todos los poetas gallegos desde comienzos del siglo, insertando trabajos en castellano y en gallego”,

banqueteA estes seguiron axiña, no mesmo ano e en agosto, os de Pontevedra; máis tarde, Santiago, Ourense, de novo Pontevedra ... O denominador común destes certames era a difusión da poesía galega, aínda que se admitían tamén traballos de investigación en castelán, e ás veces tamén de creación.

Mais no ano 1891, o mesmo ano en que os restos de Rosalía foron trasladados desde o cemiterio de Adina a Bonaval, organízanse uns xogos florais nos que se sinala como oficial a lingua galega:

 “Soio se poderá falar en galego”.
“¡O noso idioma!, o que falaron nosos pais e vamos esquecendo, o que falan os aldeáns e nós achamos a punto de non entendelo”.

O día 24 de xuño, comezou o acto, aberto polo alcalde de Tui, señor Areses. Logo interveñen Don Manuel Lago González, presbítero e profesor do seminario daquela e máis tarde arcebispo de Compostela, que pronunciou o discurso de abertura. Comezou recordando as palabras de Añon:

“Ai, esperta, adourada Galicia,
dese sono en que estás debruzada:
Do teu rico porvir a alborada,
pol-o ceu enxergándose vai”

Leu a continuación Murguía o seu discurso. Nel exaltou, como fixera noutras ocasións, o idioma galego. Mais agora había un algo de diferente; era que para iso usaba o galego:

 “¡O noso idioma!, o que falaron nosos pais e vamos esquecendo, o que falan os aldeáns e nós achamos a punto de non entendelo”. 

A seguir, Salvador Cabeza de León, secretario dos Xogos, procedeu á lectura da memoria destes e a abrir os sobres que acreditaban os premiados:

-Coa "Rosa natural", don Eladio Rodríguez, da Coruña, pola súa composición "Desperta". Foi lida no acto por Alfredo Brañas pois Don Eladio enviara telegrama de non asistencia.

-Coa "Rama de roble", don Martín Diez Spuch, de Tui, pola composición, "O Derradeiro Trovador". Foi lida polo autor.

-Coa "Violeta de prata e ouro" don Juan Barcia Caballero, de Santiago.

-Con "Clavillo", dona Filomena Datto Muruais, de Ourense, pola composición "O gaiteiro de Xixón" 

-Con Amor e meiguería Urbano González, da Coruña, obtivo o premio á mellor obra de teatro escrita en verso.

 “¡O noso idioma!, o que falaron nosos pais e vamos esquecendo, o que falan os aldeáns e nós achamos a punto de non entendelo”

Remata o acto co discurso de Alfredo Brañas, mantedor dos xogos. Brañas non leu, pronunciou o seu discurso, aplaudido, segundo as crónicas, fervorosamente polos asistentes:

“Todo esto xunto, siñores e siñoras, cega á miña vista, fire mainiña é amorosamente o meu corazón, excita á miña sensibilidade, cal si recebira una corrente voltaíca y-obrigame á excramar c'o pensamento posto en Dios y-o corazón n'a terra nativa: "Temos pátria, temos lenguaxe, temos fé...¡ estamos salvados!

Para o rexionalismo o traslado dos resto de Rosalía, igual que os xogos de Tui, foi un acto de afirmación política

Os xogos de Tui celebráronse apenas un mes despois do traslado dos restos de Rosalía de Castro do cemiterio de Adina (Iria Flavia) a Compostela. Isto fora o 25 de maio. Os seus restos mortuorios ían cubertos cunha bandeira deseñada no ano 1890 polo movemento rexionalista e empregada por primeira vez este ano de 1891 no traslado dos restos da escritora. Esta é a bandeira de Galiza máis antiga que se conserva, bandeira que tamén cubriría os restos mortais de Manuel Curros Enríquez na súa derradeira viaxe, en marzo de 1908 desde a Habana até A Coruña. Para o rexionalismo o traslado dos resto de Rosalía, igual que os xogos de Tui, foi un acto de afirmación política. Alfredo Brañas describiu o feito en La Patria Gallega como: “a máis grande, a máis portentosa declaración d´amor que pode dar un povo libre, a apoteosis feita en honor d´a inmortal Musa gallega señá Rosalía de Castro”. Curros escribiría o poema A Rosalía, publicado por La Patria Gallega nun número extraordinario que saíu o 31 de maio de 1891 con motivo do traslado dos restos. 

A organización dos xogos correu a cargo da Xunta Rexionalista de Tui. Concibidos inicialmente como de periodicidade anual, o obxectivo nunca foi conseguido. Mais o ideario de Tui foi prendendo por Galiza adiante. E no século seguinte as palabras de Brañas desenvolvéronse plenamente. Hoxe, 125 anos despois, tamén podemos afirmar:
 
Temos patria, temos lingua. 

O da salvación xa é outra cousa

Corrección:

A afirmación que se fai no texto: "Os seus restos mortuorios ían cubertos cunha bandeira deseñada no ano 1890 polo movemento rexionalista e empregada por primeira vez este ano de 1891 no traslado dos restos da escritora. Esta é a bandeira de Galiza máis antiga que se conserva, bandeira que tamén cubriría os restos mortais de Manuel Curros Enríquez na súa derradeira viaxe, en marzo de 1908 desde a Habana até A Coruña" non é correcta. Unha aclaración a este erro pode verse na nova ligada lateralmente: Unha bandeira galega no traslado dos restos de Rosalía.

Comentarios