CRÍTICA DE CINEMA

Xogo de tronos: un mal final pode arruinar unha serie?, por A. Castro

Son máis de cine pero... en ocasións vexo series. E si, loxicamente Xogo de tronos tiña que ser unha desas series. Basicamente porque está feita cun despregue cinematográfico insólito superando moitos filmes e, por suposto, a maioría das series de televisión. Lóxico que me enganchara desde o primeiro capítulo. Tiven a miña fase de resistencia, seis anos de para ser exactos, pero esas reminiscencias O señor dos aneis e Dune (dous dos meus libros e filmes preferidos) foron determinantes para o irremediábel enganche.

xogo de tronos

En fin, que fora como fose o certo é que aquí estou, opinando como un seareiro máis que seguiu, gozou, sufriu e repetiu (dúas veces) esta épica serie creada por David Benioff e D.B. Weiss baseada nas novelas Canción de xeo e lume de George R.R. Martin... Cando menos até a sexta tempada, ou mellor dito a terceira, porque a partir da cuarta a cousa complícase e a narrativa de R.R. Martin comeza desaparecer para dar paso ao maxín dos guionistas, cousa criticada, sobre todo, na sétima e na oitava, e última, tempada. Eu non teño moita queixa a verdade. En maior ou menor medida gocei coma un anano de cada capítulo. Pero si que lle poño pegas ao derradeiro, e aí van algunhas das razóns principais. E si, vai haber spoilers a dolor...

A oitava tempada foi unha das estreas máis agardadas de todos os tempos, chegando eclipsar, de lonxe, a estrea da última achega de Vingadores. Consta de 6 capítulos: os dous primeiros máis cortiños e os catro últimos de case hora e media cada un. Coma catro películas, vamos...

O primeiro capítulo céntrase en reencontros. Apenas pasa “nada” salvo no cliffhanger final que nos deixa xeados coa ameaza inminente da chegada do Rei da Noite. O segundo vai de despedidas. Moi emotivo e con moito compadreo antes da batalla contra os camiñantes brancos. Máscase a traxedia. No terceiro temos a gran batalla anunciada e no que comezan tamén as críticas. A primeira por ser unha batalla escura. Pero o problema basicamente estivo en que foi filmada para o cinema e a maioría dos televisores non estaban adaptados correctamente. Morre a Bruxa Vermella, Theon, Beric e Jorah (entre outros moitos) pero sobre todo morre o Rei da Noite. Cando todo o mundo pensaba que ía ter unha loita memorábel con Jon Neve, aparece Arya da nada coa daga de aceiro valyrio que lle deu Bran e pum... Morto. E claro, morto o Rei da Noite mortos todos os camiñantes brancos, zombies e dragóns cuspe-xeo. Xenial.

O cuarto capítulo céntrase no plan para atacar Poñente. Basicamente recordado porque Jaime e Brienne resolven a tensión sexual, Jon Nieve despídese de Pantasma dunha maneira moi pobre, morre o dragón Rhaegal a mans da flota Euron Greyjoy (só queda Drogon) e tamén polo descoido do vaso de Starbucks enriba dunha mesa. O quinto foi unha auténtica orxía de sangue e lume. Danaerys vólvese completamente tola (cousa que se viña anunciando) e destrúe Desembarco do Rei sen respectar nenos, mulleres ou ao seu propio exército. Todo quedou reducido a cinzas. Todo? Non...

No sexto, e derradeiro capítulo, vemos que aínda está en pé o Trono de Ferro. Danaerys cometeu un terríbel xenocidio. Xa non lle quedaban aliados, nin amizades, nin amor, así que decidiu gobernar desde o medo. Jon Neve semella ser o único que non se dá conta do perigosa que é pero aí está Tyrion para convencelo, demostrando unha vez máis que o mellor se garda en frascos pequenos. Tras unha longa conversa Jon mata a Danaerys. Drogon aparece para ver o que pasa. Jon faise un pouco o tolo pero ao final asume as consecuencias. Nun xiro dos acontecementos Drogon, que é máis listo do que aparenta, decide fundir o Trono de Ferro, causante de todos os males da súa nai. O que vén a continuación é para mexar e non botar gota...

Nun conclave dos herdeiros e herdeiras dos sete reinos deciden elixir a Bran como Rei. Unha sorpresa tal que nin Bran, a pesar da súa inexpresividade, semella non crer de todo. Pero antes diso Samsa propón deixar independente ao Norte (así sen máis) quedando ela de raíña. Ninguén pon impedimento, probablemente porque non había ninguén do PP e Ciudadanos preto... Pode chocar pero é que, se nos fixamos un pouco, veremos que toda a serie está inspirada na historia de Escocia. Desde o mapa inicial, o Muro (que sería o “Muro de Adriano”), os salvaxes (moi semellantes aos pictos) e claro, Samsa, que ten claros paralelismos a María I, raíña de Escocia. Así que, aínda que choque un pouco, ten certa lóxica que Samsa quede de raíña do Norte.

Os novos conselleiros do rei Bran “o Tolleito” son Tyrion, o Cabaleiro da Cebola, Sam, Bronn e Brienne de Tarth. Ah, pero ninguén se lembra que hai un dragón solto? Non pasa nada, Bran cos seus poderes poderá dar con el. Risas... Na despedida final vanse interpolando os destinos dos tres últimos Stark. Jon é condenado a unirse de novo á Guarda da Noite, pero seica é unha estrataxema xa que que no Castelo Negro espera Tormund Mataxigantes xunto Pantasma pechando así o camiño do heroe típico da narrativa clásica. Samsa é coroada con honores como raíña do Norte e Arya vístese de Vasco da Gama capitaneando un barco que a levará a descubrir terras onde ninguén chegou antes...

Que pasou? A que veñen tantas presas? Por que os cabos soltos se resolven dunha maneira tan simplista? Non era que ía haber un final pechado? Por que deixan tramas abertas? Pois seica hai proxectados xa cinco spin-off de Xogo de Tronos. Si, cinco. Algúns irán en modo precuela pero outros irán cara adiante na historia. Non só veremos como foron creados os camiñantes brancos (spin-off xa anunciado), senón que seguramente tamén teremos ocasión de ver os descubrimentos de Arya “a Exploradora”, as aventuras de Gendry “o Ferreiro” ou as desventuras de Podrick “o Escudeiro”. E claro, deixar un dragón solto pululando por aí sempre dá moito xogo para calquera xiro de guión inesperado “marca da casa”. 

Entón... un mal final pode arruinar unha serie? Pois a pesar do poso de amargor, non. Dun filme si, pero dunha serie tan longa nin de broma. É unha mera cuestión temporal. Nun período de hora e media (ou dúas horas) un final bo pode facer que unha peli mala sexa considerada boa, e viceversa, unha peli boa pode acabar en desastre por culpa dun mal final. Pero nunha serie das tremendas características de Xogo de Tronos –con tantos capítulos bos, moi bos ou excelentes– un só capítulo, aínda que sexa o último, non ten forza suficiente para arruinar a serie enteira. Amola e estaría mellor outro final? Si. Estaría xenial que coidaran un pouco máis as subtramas e mellor incluso que se concluíse en dous capítulos... pero se o pensamos ben, tampouco o fixeron tan mal. De feito Benioff e Weiss, cando escribiron este capítulo, deberon ser perfectamente conscientes de que fixeran o que fixeran o desenlace non lle ía gustar a (case) ninguén, así que optaron polo “método esparadrapo”: facelo rápido para que doa menos.

Milleiros de seareiros e seareiras tiñan a súa propia idea de quen debía sentar no Trono de Ferro. De feito había equipos polas redes sociais que apoiaban as personaxes que quedaban (vivas): #teamDanaerys, #teamJon, #teamArya, #teamTyrion, #teamSam... e todo así. Milleiros de opinións diversas do que debía pasar... Como cando se opina de fútbol nun bar. Todo o mundo semella saber máis que o adestrador. Autoconscientes disto Benioff e Weiss decidiron destruír o Trono e coroar a Bran, algo inesperado para (case) todo o mundo. A modo de explicación colaron unha frase na conversa final entre Tyrion e Jon que semella dirixirse directamente ao público saltando, de esguello, a cuarta parede e que dicía algo así: “niguén quedou moi contento, así que debeu ser unha boa decisión”.

Por moito que lle pese ás persoas decepcionadas e aos haters choróns, a serie creada por David Benioff e D.B. Weiss fixo historia. Foi (e será) algo comparábel ao fenómeno Star Wars pero en formato serie: un universo completo, personaxes memorábeis, figuras, bonecos e merchandising por todas partes e tamén vai ter os seus propios spin-offs... De momento hai 5 previstos pero auguro que a cousa non rematará aí e muxirán a vaca até que non dea para máis. De feito todo este paralelismo entre Xogo de Tronos e a saga galáctica de George Lucas non pasou desapercibido para Lucasfilm e Walt Disney que xa ficharon a Benioff e Weiss para facer un reboot da saga Star Wars. O que son as cousas...

Moitos pensarán que o mérito do éxito de Xogo de Tronos débese basicamente a George R.R. Martin, pero se esquecen de que Benioff e Weiss foron quen, non só de convencer a Martin para facer a serie senón tamén a toda esa xente que participou nela (que é moitísima), movela por medio mundo adiante durante 10 anos para filmar en localizacións reais de Islandia, Marrocos, Malta, Irlanda, Catalunya ou Escocia, e facer un produto de calidade incuestionábel e irrepetíbel. Ten fallos? Si claro, é normal, pero conseguir ter en vilo millóns de persoas até o punto de sentir pánico ante posíbeis spoilers, non só no derradeiro capítulo, senón todos e cada un dos capítulos da última tempada non o conseguira ninguén antes. E iso é algo obxectivo... o resto son meras opinións.

Comentarios