domingo 18/04/21

O xogo musical 'O mester' gaña a 'Game jam Afonso X e Galiza'

O videoxogo do vigués Carlos Balado e mais o cántabro Pablo García faise cos 250 euros do premio do Consello da Cultura e Videoxogo.gal arredor da mostra "Afonso X e Galiza".
CCG_pr_detalle-o-meter-ganhador-gamejam
Captura das pantallas do xogo. (Foto: Nós Diario)

O mester, do vigués Carlos Balado e do cántabro Pablo García, é o videoxogo gañador do concurso “Game jam Afonso X e Galiza”. O proxecto, que venceu por unanimidade do xurado, “parte da tradición musical das Cantigas de Santa María e propón duelos musicais entre as personaxes” que aparecen nas ilutracións do Códice. 

“O noso xogo é unha especie de 'Simon di' cunha volta de torca” afirma Carlos Balado, un dos creadores do xogo. Balado explica que se trata dun entretemento "musical no que queriamos que as ilustracións cobrasen vida”.

Na súa decisión, os membros do xurado destacaron que o proxecto “conta con ambientación musical e visual moi coidada e toques humorísticos que o converten nunha proposta atractiva que permite amosar o potencial das Cantigas de Santa María para seren incorporados a formatos e linguaxes do presente”.

O xurado estivo constituído por profesionais e académicos relacionados co sector do videoxogo e dos contidos interactivos, como Luz Castro Pena, directiva de Videoxogo.gal e socia de imaxin software; o xornalista Carlos Pereiro, membro da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega (CCG); e Manuel Gago, xornalista, profesor e director de culturagalega.gal.

Ademais do xogo gañador, tamén se recibiron outras dúas propostas: Decimus, de Xogon e Xurxo Diz, un xogo de dados, e Alfonso X e as catro cantigas, de macanaDEV, un xogo de plataformas en 2D. 

O galardón “Game jam”, convocado polo CCG e a Asociación Galega do Videoxogo, consiste nun premio metálico de 250 euros, e vaise entregar o vindeiro 16 de abril, ás 17 horas, na exposición que deu orixe ao concurso, titulada "Afonso X e Galiza" e situada na Igrexa da Universidade de Compostela.

comentarios