57 NOMEADOS E NOMEADAS

Xoel, Guadi e Caxade, entre os finalistas dos Premios da Música

Esta noite fixéronse públicos os 57 finalistas dos Premios Martin Códax, que nos traen vellos coñecidos e proxectos consolidados (como Uxía & Narf, Xoel, Guadi Galego, Xabier Díaz ou Davide Salvado), xunto con refrescantes novidades, como De Vacas, Agoraphobia, a Orquestra Jazz de Galicia ou The Lakazans. 

finalistas_3PMCM
photo_camera finalistas_3PMCM

Na noite da quinta feira celebrouse na sede das adegas en Cambados a festa dos nomeados da terceira edición dos Premios Martín Códax, cuxos gañadores coñeceremos na gala de entrega de premios o 28 de abril. Ademais dos tres nomeados en cada unha das 16 categorías musicais e dos Premios Organistrum para a industria, o Premio Honorífico dese ano levouno o mestre e artesán, Antón Corral. Os proxectos son votados e elixidos polos propios músicos, é dicir, polos socios da Asociación de Músicos ao Vivo, que organizan os galardóns. 

Entre os finalistas, proxectos con traxectoria, e mesmo premiados en anteriores edicións, como Crebinsky, Davide Salvado, Wöyza ou Transilvanians; tamén moitos que repiten como finalistas, caso de Xoel López, Caxade, Dous ou Trilitrate; pero ademais moitísimos proxectos novos que entran a formar parte da gran familia de escollidos que cada ano pugna por alzarse cos galardóns. Este é a listaxe cos 57 proxectos nomeados e nomeadas:
 
Pop e indie: Eladio y los Seres Queridos / Novedades Carminha / Silvia Penide 
Rock: Agoraphobia / Foxy Freire / Martelo 
Blues, funk & soul: Nastasia Zürcher/ Pablo Carrera / The Lakazans 
Jazz e músicas improvisadas: Alberto Vilas Quartet / Orquestra de Jazz de Galicia / Xan Campos ESD
Hip-Hop e músicas urbanas: Sokram / The Last Minute Experience / Wöyza 
Música clásica e contemporánea: The Last Man of Fukushima/ Vertixe Sonora Ensemble / Zoar 
Folque: Caxade / Cuarteto Caramuxo / Vaamonde, Lamas e Romero 
Música tradicional galega: Davide Salvado / O Fiadeiro / Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre 
Músicas do mundo: Crebinsky / Dous / Trilitrate 
Canción de Autor: Guadi Galego / Uxía & Narf / Xoel López
Música infantil: A Gramola Gominola / Brinca Vai! / Xiqui Xoque Fiú Fiú!
Electrónica: 2Pasos / Cinta Adhesiva / Croma
Metal: Aphonnic / In.Verno / Mutant 
Reggae, Ska & Mestizaxe: A Banda da Balbina / Dakidarría / Transilvanians 
Orquestras, grupos e música de verbena: Claxxon / Orquestra Os Modernos / Os da Ría 
Coros e Grupos Vocais: De Vacas / Sisters in the House / The Lollipops
Premio Organistrum Salas: A Arca da Noe / Aturuxo / Garufa Club 
Premio Organistrum Festivais: Espazos Sonoros / Feito a Man / Nigranjazz 
Premio Organistrum Espazos de Comunicación Musical: Abretedeorellas / GZMúsica / Tres Peixes Voando 

A presidenta de Músicos ao Vivo, Iria Piñeiro, agradeceu “a aposta e sensibilidade que demostraron todos os patrocinadores e colaboradores do certame, en especial os nosos anfitrións e alidados imprescindibles, as Bodegas Martín Códax” e destacou “a  implicación dos músicos galegos unha vez máis nesta edición na que, a pesar do cambio e calendario, logramos reunir a 448 proxectos o que volve converter a web dos premios na plataforma de música galega máis importante do momento; e demostra o indiscutible potencial musical de Galicia, afianzando a MAV como a casa común dos músicos galegos”. 

Piñeiro lembrou que o balance non podía ser máis positivo: 396 grupos, 16 salas, 22 festivais e 14 medios de comunicación inscritos, e engadiu que “este terceiro certame pasará á memoria como a edición da normalización: o que parecía un fito histórico que viña facer xustiza e recoñecer o traballo de moitas carreiras musicais, pasou a formar parte da nosa realidade cotiá”. 

Comentarios