mércores 24/02/21
Domínguez impulsa desde Compostela unha publicación universitaria dixital

Xoán Domínguez: "Coa revista ‘Ajárrate’ pretendemos levar a cabo un traballo honesto, próximo e plural"

Xoán Domínguez, participante na revista dixital Ajárrate, explica como xurdiu a idea de crear o proxecto conxunto cos seus compañeiros e compañeiras da facultade de Ciencias da Comunicación da USC, e fala dos obxectivos desta publicación. Tamén opina sobre a situación do xornalismo galego e de como se presenta o futuro. Ademais, adiántanos que a revista mergulla na actualidade galega e engade a necesidade de “que os medios galegos traten a nosa realidade desde unha perspectiva propia”.
Xoán Domínguez é creador e participante da revista ‘Ajárrate’ xunto con seis compañeiros máis. (Foto: Nós Diario)
Xoán Domínguez é creador e participante da revista ‘Ajárrate’ xunto con seis compañeiros máis. (Foto: Nós Diario)

Avante Pouca

En que consiste a revista e por que decidiron creala?

É un proxecto que nace con moita ilusión por parte dun grupo de persoas que aínda nos estamos formando pero que temos unha gran vocación polo labor xornalístico. Trátase dun medio puramente independente no que pretendemos levar a cabo un traballo honesto, próximo e plural, sendo sempre fieis ás nosas ideas. É unha publicación que presenta un ton fresco e que pretende conectar coas persoas da nosa xeración. O proxecto xurdiu da necesidade de pór en práctica os coñecementos que imos alcanzando na carreira e o seu obxectivo é intentar que a comunidade universitaria, que non adoita contar con demasiado tempo para ler a prensa, poida achegarse á información dunha forma máis cómoda sen quedar unicamente no titular. Decidimos pór o nome de Ajárrate porque pensamos que ten certo gancho; é como se dixésemos “prepárate para o que imos contar” e cremos que o toque da gheada lle proporciona un ton desenfadado.

Actualmente somos sete integrantes: Sara Carballo, Alba López, Camila Mosquera, Uxía Mosquera, Jorge Noya, Carmen Villaverde e mais eu. Nós traballamos a parte informativa, pero a revista conta cunha sección, “A Lareira”, que funciona como un lugar de encontro de diferentes opinións na que levamos a cabo colaboracións con personaxes coñecidos, como Miguel Anxo Bastos, pero tamén con compañeiros e compañeiras da facultade.

Avante Media 

Móvense por Facebook, Instagram, Twitter... mesmo teñen unha web para a revista.

Polo de agora todo o que publicamos é de forma online pero, nun futuro, si estamos a considerar presentar a revista en papel, aínda que terá que ser a medio-longo prazo dada a situación actual de pandemia. Persoalmente, penso que o papel non está morto e que conta cun valor específico moi importante. 

A revista dixital presenta estas seccións: A semana, na que facemos un breve resumo das novas máis importantes, Sociedade, Cultura, Entrevistas e A Lareira. Todas as seccións tratan temas exclusivamente da Galiza, agás a de cultura na que nos deixamos levar polo mundo globalizado e engadimos recensións a nivel internacional. A nosa intención é circunscribírmonos á actualidade galega. Estamos expostos a moita información estatal, e mesmo internacional, e, ás veces, adoitamos descoñecer temas máis próximos porque non adoitan aparecer nos medios.

Ademais de tratar a actualidade galega, o proxecto está integramente en galego.

Tendo en conta que somos un grupo de persoas galegas, que falamos todas en galego e que o noso público obxectivo é tamén galego, non concibiamos levar a cabo este proxecto noutra lingua. Persoalmente, penso que é necesaria unha realidade mediática propia porque é evidente que na Galiza existe unha realidade diferente á doutros territorios e precísase que medios galegos traten a nosa realidade desde unha perspectiva propia. 

Avante Toda

Como ve o futuro do xornalismo galego?

Seguirá existindo sempre e cando se manteña o inconformismo, a reivindicación e a loita por un xornalismo veraz, plural e próximo. Penso que son cuestións que defenden a maior parte dos profesionais e que se demostran en medios como Nós Diario ou Praza Pública. Con todo, o mundo da comunicación está a vivir un momento moi complicado no que os grandes poderes económicos e políticos marcan a axenda mediática, e coido que é importante manter certo idealismo na profesión. Nós, desde a nosa revista, buscamos ese idealismo e, polo menos durante os anos que nos quedan de carreira, contamos con seguir traballando nela.

comentarios