'Canta, miña pedra, canta'

Xoán Curiel compón un disco infantil a partir da vida e obra de Fraguas

De entrada, Antón Fraguas, protagonista do Día das Letras Galegas, non parece o protagonista máis acaído para un libro disco dirixido ás crianzas. Mais Xoán Curiel viuno doutro xeito. Canta, miña pedra, canta (Galaxia, 2019) titúlase o libro disco en que retoma cantigas e información recollidas polo polígrafo de Cotobade e elabora 11 cancións dirixidas ás máis pequenas.
 

canta miña pedra canta - xoán curiel detalle
photo_camera Detalle da cuberta de 'Canta, miña pedra, canta', ilustrada por Nuria Díaz. Imaxe: cedida.

“Canta, miña pedra, canta / ao compás deste punteiro. / Canta, miña pedra, canta, / faille compaña ao canteiro”, di a rima recollida por Fraguas (Cotobade, 1905-Compostela, 1999) ben preto da súa casa e da que Curiel extraeu o título do seu traballo. En que hai “temas tirados do Cantigueiro de Cotobade” e outros compostos polo mesmo músico e que conta con ilustracións de Nuria Díaz.

O autor valeuse de “ritmos tradicionais mesturados con outros máis modernos” e dunha banda en que fichan Carlos Freire (percusións), Jara Ortiz (voces e pandeireta) e Roberto Grandal (acordeón). Colaboran Sérgio Tannus, Rafa Mississippi, Pablo Díaz, Iris Gey, Xoel Campos ou Alfonso Camarero.

A Mamá Antonia que viviu na casa familiar de Fraguas e que lle aprendeu moitas das cantigas que deixou escritas, o pai emigrante e obreiro nos camiños de ferro, o cativo que soñaba con manexar un tren, o bambán tan querido do neno Fraguas ou a Galiza dos castros aparecen nas 11 cancións da obra.

“Agardo que vos gusten tanto como a min estas cantigas recollidas por don Antonio”, explica Curiel no limiar, “foron creadas polo pobo hai máis de cen anos e seguro que os vosos avós, bisavós e tataravós as cantaron nalgún dos días en que tiñan algo que festexar. Se cadra tamén inventaron algunha delas”.

Comentarios