Xoán C. Domínguez : "No libro hai unha proposta de reivindicación, para dar a coñecer a nosa vida, os nosos nomes"

A colección Árbore de Galaxia vén de engrosar o seu catálogo co título Nomes, un poemario para persoas "de 10 anos a infinitos", da autoría de Xoán Carlos Domínguez Alberte. A obra conxuga o verso coa riqueza toponímica galega e mais con constantes referencias ao mundo da natureza que "reivindican" o mundo rural. Nós Diario conversa co seu colaborador, licenciado en filoloxías Hispánica e Galega e profesor de Ensino Secundario.
Para_Nos_1
photo_camera Xoán Carlos Domínguez Alberte. (Foto: Nós Diario)

-Como nace este poemario e a súa conxunción entre poesía, nomes e natureza?

No seu día, no primeiro libro que publiquei en Galaxia, Versos para conversar, por razóns editoriais quedaron fóra unha serie de poemas; logo saíu Soneto no alfabeto, outra dimensión da concepción poética e, entrementres, eses poemas que ficaran aí tamén reclamaron a súa propia vida, e mais compaña. Estas composicións constitúen a primeira parte, “Lugares”, deste novo libro, Nomes, e incorporáronse máis poesías para complementar a obra que se foi facendo con vagar ao longo do tempo.

No volume hai unha proposta de reivindicación, de dar a coñecer a nosa vida, as nosas palabras e os nosos nomes, os nosos topónimos, ese pequeno e gran patrimonio. O primeiro poema di “son dun país pequeno cheo de nomes grandes // son dun país grande cheo de nomes pequenos”. Estamos inzados de riqueza toponímica e reivindícase a súa prestancia, o seu uso e a súa habilitación, porque moitos deses nomes son de raíz rural, agrogandeira, e agora están cubertos de esquecemento porque, entre outras razóns, debido a malas políticas non temos o noso sector produtivo desenvolvido, e o poemario é tamén unha forma de denuncialo.

-Entón a presenza da natureza non é só por tratar  a toponimia senón tamén como reivindicación.

Enxergo os contidos do libro desde unha perspectiva lúdica, creativa e pensando na xente máis nova, para que coñezan os nomes e xoguen con eles e neles, pero detrás diso tamén hai unha mensaxe máis profunda, que é esa reivindicación dun país vivo, produtivo e dono dos seus recursos.

-Como docente, a intención didáctica abrangue tamén os seus libros ou fica fóra?

Procuro que o meu alumnado se achegue á literatura galega e en galego e fomento a lectura na nosa lingua, para que a rapazada adquira principios e valores universais, sexa no ámbito que sexa. Todos os cursos, sobre todo en niveis medios e altos, propoño unha lectura de narrativa que teña como fondo unha historia arredor do que foi a represión franquista e o golpe de Estado, a través diso estaslles a dar a coñecer unhas realidades que para eles están sempre ocultas, e neses universos creativos agroma a liberdade. Así tamén detrás da poesía hai outras leccións. A finalidade pedagóxica supoño que está sempre na literatura. 

-O público máis novo é tamén máis exixente?  

Está claro que o noso labor é complexo desde moitos ángulos. Unha realidade que eu aprecio acotío é que, en gran medida, o alumnado chega a secundaria carente de hábito lector, que para min é algo fundamental na existencia. Así, o noso labor formativo, alén de transmitir contido e valores, ten unha dimensión prioritaria, para min, que é contribuír a crear novo lectorado. Nese sentido hai que ser coidadoso e mais aventureiro á hora de encamiñalos e facerlles propostas de lectura, tanto de diversos xéneros como de contidos.

-Cales son os novos proxectos nos que está a traballar?

Ando a voltas co patrimonio. Son dunha comarca moi rica como é Terra de Celanova e teño unha vella teima, que é a de facer unha escolma de textos e autores do patrimonio celanovés. Teño medio durmido un ensaio sobre unha persoa de base que viviu a Guerra Civil desde a conciencia de aliñarse no bando leal á República e tamén ando con proxectos poéticos. Un deles é a medias cun compañeiro fotógrafo, na liña da dobre visión do proxecto creativo que fixera con Mercedes Queixas, Partituras. 

Comentarios