Todo listo para o 11 de agosto

O Xistra Rock consolídase en Viana do Bolo

De Vacas, Chotokoeu e Ruxe Ruxe forman o cartaz do III Xostra Rock, o festival que leva a mellor música galega a Viana do Bolo. Nesta ocasión, os concertos desenvolveranse o 11 de agosto, nunha contorna inmellorábel, a Praza Maior.

Presentación do Xistra Rock
photo_camera Presentación do Xistra Rock

Viana do Bolo acolle, un ano máis, o Xostra Rock, o festival creado en 2015 que vai gañando enteiros para se consolidar na axenda de verán do país. Nesta ocasión, actuarán De Vacas, grupo que acadou unha importante relevancia ao versionar en galego temas actuais; Chotokoeu, banda de folc rock con raíces na cultura tradicional, e Ruxe Ruxe, un dos grupos de rock máis punteiros no panorama nacional. A cita, na tarde-noite do 11 de agosto, na Praza Maior.

En declaracións a Sermos Galiza, o alcalde de Viana do Bolo, Secundino Fernández, salienta o compromiso do consistorio capital da comarca de Viana coa cultura galega, coa música do país e coa mocidade. “É o terceiro ano que organizamos o Xistra Rock, o primeiro ano foi cando chegamos ao goberno”, sinala, en alusión a 2015.

En apenas dous meses, lembra, o Goberno municipal esforzouse por achegar outros estilos musicais que transcendesen o das orquestras. “Organizamos a primeira edición ás présas, pois comezamos o mandato en xuño, mais a segunda edición xa tivo un cartaz máis elaborado, en que destacaba a presenza de Sés, e este ano seguimos coa mesma dinámica”, afirma, “priorizamos música galega e actual”.

O Xistra xurdiu “porque había unha eiva musical na programación de verán do concello; gastábase moito diñeiro e só viñan orquestras, nós queriamos diversificar”, explica o alcalde nacionalista. “O obxectivo pasaba por favorecer outro tipo de músicas dentro do ambiente festeiro”, di.

Alén de apoiar os conxuntos galegos, Secundino Fernández advirte da importancia de “traer ao interior grupos que habitualmente actúan nas zonas costeiras, nas zonas máis poboadas”. “Apenas hai oportunidade de ver bandas no rural e co Xistra queriamos demostrar que aquí tamén se pode escoitar boa música e que a mocidade, e as persoas non tan novas, poden desfrutar dos festivais de verán”, subliña.

O rexedor do Bloque insiste en que o Xistra “non é un acto máis das festas patronais, organizámolo como unha actividade con entidade de seu”.

Reparto de bandeiras

Por outra banda, o Concello de Viana do Bolo vén de publicar o bando “Queremos decidir nós no noso para ter unha Galiza próspera” con motivo do Día da Patria. No texto anuncia o reparto de bandeiras galegas entre a veciñanza “para que poida facer visíbel ese orgullo de galegas e galegos”. Quen queira contar cunha bandeira de Galiza, poderá facelo se se presenta no concello a segunda feira, día 24, entre as 10h e as 14h.

Comentarios