Contracultura

Xisela Franco: "En 'Atalaia/Piueiro' está ese elemento de loita que teñen as mulleres do mar, que na Galiza é moi forte"

Xisela Franco, profesora adxunta de Belas Artes na Universidade de Vigo, é a directora de Atalaia/Piueiro, unha peza documental que nace no marco do proxecto Atlantic CultureScape e que recolle parte do patrimonio inmaterial da Guarda da man das redeiras e dos carpinteiros de ribeira. Franco aborda a complementariedade da investigación académica e das propostas poéticas máis arriscadas, que, como ela di, “permite chegar ao público de forma simplificada”.
A profesora e directora Xisela Franco. (Foto: Mar Caldas)
photo_camera A profesora e directora Xisela Franco. (Foto: Mar Caldas)

—Como chegou a súa participación ao proxecto Atlantic CultureScape?
Chamáronme para achegar un elemento audiovisual que complementara a súa investigación sobre o patrimonio inmaterial da Guarda. Decidimos focalizarnos en dúas profesións ancestrais coa Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia e coa Asociación de Embarcacións Tradicionais O Piueiro. Isto permite chegar ao público de forma simplificada, mais por outra banda, a miña proposta tamén ofrecía unha mirada máis arriscada dentro dos grupos de investigación, posto que non era tan didáctica ou xornalística.

Eu tiña a intención de levar a peza a un ámbito máis dentro do cinema de autor e artístico que practico, e desta maneira chegamos a unha aproximación cunha mirada máis poética e de observación que ten que ver co feito de estar alí, de compartir tempo con esa xente. Este tipo de propostas axuda a que se comprenda que unha aproximación poética tamén é coñecemento.

—Finalmente, son dúas pezas nunha. Como conviven as dicotomías terra e mar e o feminino co masculino?
A miña maneira de traballar é de proceso, un tipo de cinema no que vas creando a propia historia mentres estás traballando nela. A pretensión inicial era crear dúas pezas mais durante a rodaxe e, especialmente, durante a montaxe, queríamos ver como funcionaban xuntas. Ao final tiñamos un tipo de traballo de cámara máis estático e cunha personaxe principal feminina única, a redeira Marina Álvarez, e cunha profesión que desaparece; e unhas imaxes en movemento, no mar, protagonizadas por un colectivo de homes.

Claro, había que ver o resultado a nivel estético, porque ese diálogo pode desenvolverse a nivel conceptual, mais tiñamos que tomar distancia suficiente como para ver se funcionaban a modo de díptico.

—A propia Marina pon voz ao escaso recoñecemento que ten o seu labor.
Ela fala da necesidade de facer un relevo xeracional para que o oficio non morra, mais tamén é interesante a reivindicación que fai e que non é só das redeiras, senón de todas as mulleres que desenvolven oficios relacionados co mar como as mariscadoras.

É un pouco a loita polos seus dereitos, a profesionalización do oficio que elas protagonizaron e que comezou coa pretensión de erradicar o furtivismo e rematou cunha serie de recompensas como a de lograr un salario máis xusto. Por que as mulleres redeiras non cobran o mesmo que os homes redeiros? Está ese elemento de loita que teñen as mulleres do mar e que, ademais, no caso da Galiza, é moi forte, polo que teñen tamén unha presenza importante nas asociacións de todo o Estado español.

—A loita para evitar a desaparición tamén está presente nos carpinteiros de ribeira.
Eu non puiden estar na rehabilitación do volanteiro, mais o patrón do Piueiro, Tito Chirro, e os demais contáronme todo o proceso, no que se involucrou a xente da Guarda e tamén dos montes comunais. O seu lema é ‘lembrar é volver a vivir’ e transmiten moito esa forza que teñen non soamente para recuperar este tipo de construcións, senón tamén para tecer un colectivo arredor da recuperación de imaxes e obxectos ou o fomento de actividades culturais.

Hai un labor que vai más alá da reconstrución do volanteiro e para min é un luxo poder achegarme con admiración a estes dous colectivos. É moi interesante entender estas pezas dentro dun proxecto que dialoga con traballos doutros países e xustamente estes días no festival Mares da fin do mundo puidemos ver como hai un inconsciente colectivo que produce profesións semellantes nas xeografías semellantes, como ocorre co mar.

Comentarios