O Xiana Festival exhibe un póker da música galega na súa primeira edición

Ataque Escampe, Malandrómeda, Superoito e Nao actuarán en Ordes o 8 de xullo.

malandromeda
photo_camera malandrómeda

“Viamos que en calquera aldea de Galiza había un festival, mais en Ordes non. E no canto de protestar para que o Concello ou outras administración fixesen un, decicimos facelo nós”. Quen así fala é Iván, de 'Superoito', un dos impulsores do Xiana Festival que este 8 de xullo, sexta feira, reunirá na discoteca ordense LP45 un cartaz co mellor da música galega e en galego. Ademais de Superoito, Malandrómeda, Ataque Escampe e Nao. “Gostabamos de estilos variados para así abranguer diferentes tipos de persoas”, indica Iván, que ten seguro que vai ser “un concertazo”.

Destaca que este festival non o fixeron as administracións nin grandes empresas. Quen o fixo, entón? “Ordes, a xente de Ordes, os locais, os comercios...”. Cada quen achegou o que puido ou considerou, explícanos, ben economicamente ou colaborando doutro xeito. “Pouco a pouco foise sumando xente. Uns ofrecéndose para colar os cartaces, outros para deseñar, outros para imprimir entradas, achegar o equipo de sonido...”. Como aponta Iván rindo: “o máis difícil xa o fixemos, poñer todo isto en marcha a partir de nada. Agora fica o doado, que a xente veña a pasalo ben”. Para iso, poñen a entrada barata (8 euros anticipada e 10 en billeteira) e con promocións para adquirila máis barata aínda.

O resultado de todo este traballo, un festival que reúne todo un pocker da música galega. “Se tivesemos medio millón de euros para gastar non o gastariamos en traer grandes estrelas desde non sei onde. Traeriamos estes mesmos grupos e algún outro máis, tamén galego, porque é a música que nos gusta!”.

Comentarios