O escritor e profesor Xesús Rábade Paredes vén de publicar o libro A luz co tempo dentro (Editorial Galaxia, 2022), un libro moi persoal realizado a modo de memorias da súa vida.
"En certo modo fun sempre un escritor contracorrente, sen concesión a oportunismos, moito menos a modas. Tiven, si, fidelidade obsesiva e consciente a temas e actitudes que deciden por un, ou ben que un non decide, caso da opción irrenunciable á lingua, que usei, promovín e cultivei co esixido decoro", comeza o autor cospeitense o primeiro capítulo do libro, titulado "Soleira", toda unha declaración de intencións.
Un vida cos libros
Profesor xubilado de Lingua e Literatura, este autor comezou como carteiro e estivo un tempo emigrado en Berna (Suíza) nos anos setenta. Iniciouse moi novo no oficio da escritura con Xuntos cara o mañán (1969).
Literariamente ten cultivado o ensaio, a narrativa e a poesía. Comezou moi cedo a súa carreira literaria e figura na antoloxía Os novísimos da poesía galega (1973).
Traballou en tarefas de normalización lingüística e cultural: formación do profesorado, reforma educativa, elaboración de material escolar e publicación en prensa de artigos, algúns recollidos en libro, sobre a situación social da lingua. De 1992 a 1995 foi Coordinador Docente de Lingua galega.
En 1977 subscribiu o manifesto poético renovador 'Cravo Fondo'. Cultivou a lírica, a narrativa, o ensaio e a tradución. Conta, entre outros recoñecementos, cos premios Manuel Antonio, Esquío, Álvaro Cunqueiro e Blanco Amor.
Unha parte esencial da súa obra foi publicada pola Editorial Galaxia: A terra prometida (1975), Branca de Loboso (1989), As sombras do Barroco (1994) e Mentres a herba medra (2007), entre outros.