Expertas debatirán a xestión do patrimonio ante as emerxencias

O Museo de Pontevedra acollerá a finais de novembro o "X Encontro de conservación e restauración"
Nube de cinza volcánica na illa da Palma. (Foto: Kike Rincón / Europa Press)
photo_camera Nube de cinza volcánica na illa da Palma. (Foto: Kike Rincón / Europa Press)

O Museo de Pontevedra acollerá a finais de novembro o "X Encontro de conservación e restauración" que este ano centrará o debate na "Xestión de riscos e emerxencias no Patrimonio Cultural".

En consecuencia, persoas expertas chegadas en representación de diferentes entidades de todo o Estado español analizarán como decorre a xestión dos elementos do patrimonio cultural material ante catástrofes como a erupción do volcán de La Palma, o incendio de Nôtre Dame ou o sismo de Lorca (Murcia).

Segundo a organización, na listaxe de temas concretos estarán a utilización da intelixencia artificial aplicada aos plans de protección ou as actuacións básicas para rescatar bens de interese cultural.

As promotoras deste encontro profesional destacan que o 18 de marzo de 2015 foi referendado o "Marco para a Redución do Risco de Desastres 2015-2030" no seo da terceira Conferencia Mundial de Nacións Unidas de Sendai (Xapón), que España subscribiu.

Este documento, coñecido como "Marco de Sendai", "é extraordinariamente relevante para a xestión do patrimonio cultural". 

Así explican que "é a primeira vez que este se identifica como un dos elementos para protexer do risco de desastres". 

Neste documento aparece destacada "a necesidade de avaliar as perdas e o seu impacto sobre o patrimonio cultural, e exponse o investimento na súa protección como unha das chaves para aumentar a resiliencia social".

Exemplos próximos como o tremor de Lorca en 2011, o incendio de Nôtre Dame en 2019, ou a recente erupción volcánica na illa da Palma reforzaron a percepción de que o patrimonio cultural se enfronta, con máis frecuencia da desexada, a situacións de emerxencias naturais ou provocadas polo ser humano.

Comentarios