A “xesta” colectiva de recuperar un castro

Para o 28 de marzo e o 11 de abril están convocadas dúas xornadas de limpeza do Castro de Cerqueda. A primeira, será con romaría laica e popular. Un encontro “voluntario” cos ancestros de cara a recuperar as súas vivendas. 

Castro de Cerqueda
photo_camera Castro de Cerqueda

Unha convocatoria pública chama a participar en dúas xornadas de limpeza do Castro de Cerqueda, en Malpica, co fin de arranxar o espazo para logo iniciar o proceso de documentación, planimetría e estudo do sitio arqueolóxico. Co fin de compartir “a emoción da descuberta” habilítanse dúas xornadas para o voluntariado partillar da recuperación do castro que serán o 28 de marzo e o 11 de abril. 

A primeira delas será, ademais dun día de traballo, unha romaría laica e popular, co obxectivo de que o celebrar a existencia do castro e integrala na cultura da localidade. Música, percorridos didáctico e comida colectiva forman parte do programa da xornada na que se eliminarán as matogueiras e demais vexetación para deixar á vista o castro. Para a segunda das sesións convidan de maneira especial ao estudantado de Historia xa que, ademais de limpar, axudaranse nas medicións e na documentación do equipo técnico do traballo arqueolóxico. Para se anotar compre cumprimentar esta ficha na rede. 

O obxectivo é que o castro de Cerqueda poida ser visto e apreciado non só na súa comunidade senón tamén por visitantes que se acheguen á localidade. Coas xornadas comunitarias buscan “asociar a defensa do patrimonio á cultura e ás festas populares, nunha xornada de confraternidade entre veciños e visitantes, entre voluntarios e curiosos”. A iniciativa de recuperar o castro para a comunidade partiu dos propios colectivos veciñais que botaron a andar o proxecto en 2014. 

Comentarios