A obra estaba descatalogada

Xerais recupera 'Antón e os inocentes', novela que Ferrín escribiu na cadea

Méndez Ferrín escribiu Antón e os inocentes, a súa terceira novela, “no lugar sórdido no que 'toda incomodidad tiene su asiento”. Así o di, con ecos quixotescos, a dedicatoria inicial. Ese lugar sórdido é El Dueso, onde o autor foi recluído entre 1969 e 1971. Historia de iniciación que sucede nos ambientes proletarios do Vigo dos 50, publicouse por primeira vez en 1976. Fóra de catálogo desde hai anos, Xerais recuperaa en edición do poeta e filólogo Antón Blanco.

vigo obreiro
photo_camera Imaxe de Vigo. Foto: cedida.

Narda e Berto protagonizan unha narración que, a dicir de Blanco (Vilagarcía de Arousa, 1996), agocha “tras o envoltorio do Bildungsroman todo un tratado histórico e ideolóxico sobre os conflitos derivados da loita de clases aos que se ve sometida a Galiza contemporánea”. A idea de inocencia, a axitación político social, as novas camadas emerxentes produto do despregamento industrial, a resistencia á ditadura, as complicacións da vida adulta en tempos históricos oprobiosos se é que algúns non o son cruzan a obra.cuberta antón e os inocentes

Produto dunha toma de posición literaria autoconsciente -cuxa dinámica describe Blanco no seu traballo de fin de grao Antón e os inocentes: o proletariado galego como suxeito literario e político-, Ferrín explícaa na nota de apertura Ao leitor: “Cecáis os escritores bons galegos (que sempre andan de costas ao mariñeiro e aos oficios manuais de terra) ben poderían sentirse estimulados a facer romances navais ou tocantes ao mundo do traballo a seguir deste meu cativo relato”.

Con Retorno a Tagen Ata (1971) e Elipsis e outras sombras (1974), Antón e os inocentes é unha das tres obras que o escritor ourensán redactou en prisión. Anos despois afirmou que se trataba da segunda peza dunha triloxía conformada pola inédita Os corvos, a figueira e a fouce -novela sobre o a guerrilla que o levou á cadea en 1967- e No ventre do silencio (1999). No seu día, a crítica recibiuna con frialdade, mais o propio Ferrín considera que contén “algunhas das páxinas máis exactas, duras e esixentes” que teña “rematado nesta vida traballada”.

A primeira edición saiu do prelo da man de Xistral, a editorial que Manuel María rexía en Monforte de Lemos asociada á libraría do mesmo nome. Dez anos despois, Sotelo Blanco encargouse da segunda tiraxe. Mais a creba da empresa deixou a obra fóra das librarías. Até agora.

Comentarios